As parroquias de Raxó e Combarro serán as protagonistas de agosto no ‘PoioEscena 2015’

Durante o mes de agosto están programadas as representacións de 'Voda ou funeral?' e 'Entremeses'

O ciclo de artes escénicas de Poio cumpre un lustro de vida. Dende o ano 2010 a Concellería de Cultura organiza o Ciclo de Teatro PoioEscena 2015. A partir da edición do 2013 o ciclo ampliouse, pasando de celebrarse no mes de novembro a ser unha actividade cun calendario de carácter anual. Ademais, durante este tempo estendeuse a outras parroquias do concello, como Samieira e Combarro.

O propósito principal do PoioEscena é achegar o teatro ós veciños e crear un programa cultural durante os doce meses do ano.

O esforzo das tres asociacións organizadoras, a SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro, baixo a coordinación de Cultura e o patrocinio do Concello, fai posible que cada ano se elabore un programa que vai rotando entre o Centro Cultural Xaime Illa, de Raxó, a Casa do Pobo de Río de Bois, o Salón de Actos da Comunidade de Montes Rega dos Agros e as rúas de Combarro.

A coordinación das tres asociacións organizadoras posibilitou a boa marcha desta iniciativa. A súa participación é indispensable para que as diferentes representacións que teñen lugar ó longo do ano se poidan realizar.

Durante o mes de agosto están programadas dúas obras. O sábado día 1 ás 22 horas terá lugar no Centro Cultural Xaime Illa, de Raxó, a representación de ‘Voda ou funeral?’, a cargo do grupo Fonte da Tella. A seguinte cita será o venres 21 nas rúas de Combarro. O grupo Medievándalos realizará ‘Entremeses entre masas’ e haberá dous pases.

Comentarios