Un partido inspirado en C. Tangana gaña as eleccións ficticias de Ciencias Sociais

Das catro formacións, El Publicista logrou o 45,6% dos 173 votos ► Trátase dunha materia do Grao de Publicidade e Relacións Públicas
Persoas integrantes da formación gañadora. DUVI
photo_camera Persoas integrantes da formación gañadora. DUVI

Cunha estética inspirada no disco El Madrileño de C. Tangana e coa posta en valor do talento do alumnado como eixo de campaña, a formación El Publicista converteuse este 2022 na gañadora das eleccións ás que cada curso concorren catro partidos creados polo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, segundo informou o Duvi.

Trátase dunha actividade da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, a iniciativa que desde hai máis dunha década promove o profesor Xosé Rúas e cuxo obxectivo é que o alumnado poña en práctica os seus coñecementos sobre estratexias de campaña e comunicación política nunha contenda electoral que decide unha parte da nota final da materia.

Tras dúas semanas de campaña, o pasado xoves tivo lugar unha votación, aberta a todo o alumnado e persoal da facultade coa excepción do estudantado da materia, na que participaron un total de 173 persoas. Con 79 votos (o 45,6%), El Publicista proclamouse gañador destes comicios, nos que a formación Patrones rematou segunda, con 56, mentres que os partidos Pasión de Facultades e Polítiko obtiveron 21 e 17 apoios, respectivamente.

"Foi toda unha aprendizaxe, tanto a nivel académico como persoal", recoñece Óscar Domínguez, candidato do partido gañador, dunha "actividade moi intensa". A campaña iniciouse o 2 de maio coa pegada de carteis e incluíu un debate entre candidatos, con bloques temáticos pactados previamente e tempos taxados, ademais das diferentes iniciativas que cada partido ía desenvolvendo nos postos que instalaron na planta baixa do centro e que foron desde o reparto de comida á organización de xogos ou sorteos. "Foi unha campaña moi correcta, sen ruído", salienta Rúas dunha iniciativa "que todos os anos crea grande expectación entre o alumnado e que lles permite gozar aprendendo cun xogo de rol".

Recoñecemento do talento

Tomando como fonte de inspiración a estética de El Madrileño, o gañador centrou a súa campaña no "recoñecemento do traballo e do talento" do alumnado de Publicidade e RRPP, explica Domínguez. De aí que, entre as actividades que levaron a cabo nestes días figurasen iniciativas como "promocionar perfís de alumnos que levasen a cabo un proxecto artístico que quixesen mostrar o mundo ou escoller pemes locais como patrocinadores, para apoiar e visibilizar o seu traballo".

Alejandro Fernández foi o candidato de Patrones, partido que tiña como obxectivo contribuír á "mellora da comunicación interna entre decanato, profesorado e alumnado". Cunha estética inspirada na serie Pasión de Gavilanes e coa "unión e a cooperación" como eixo de campaña, Pasión de Facultades, liderada por Clara Medina, levou a cabo iniciativas dirixidas a fomentar a convivencia no centro. Finalmente, coa "lei do mínimo esforzo" como lema, o partido Polítiko tiña como idea central "velar pola saúde tanto física como mental do alumnado", como explica o seu candidato, Diego Sáenz.

"Axuda a fomentar a cooperación"
"O mellor que levamos é o orgullo de ter feito un bo traballo en equipo", recoñece Domínguez dunha campaña que Fernández define como "un xogo de rol que axuda tamén a fomentar a cooperación entre os membros do partido".

Medina apunta que a campaña "permitiulles aplicar todos os coñecementos adquiridos durante estes anos de carreira" nunha "experiencia real", que ademais se desenvolveu "nun ambiente de cooperación entre todos os alumnos"; idea na que tamén insiste Diego Sáenz, que destaca que "a actividade conseguiu que nos coñecésemos entre todos un pouco mellor", á vez que recoñece como o máis positivo dunha iniciativa que resultou tamén "esgotadora", o feito de "ter traballado cóbado con cóbado cos meus compañeiros".

Comentarios