Os partos en auga non se asocian a un aumento de resultados adversos

Susana Iglesias conclúe que a prohibición da inmersión durante a dilatación e o parto "baséase en prexuízos"

Equipamiento para partos en agua. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Equipamiento para partos en agua. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Nos embarazos de baixo risco, a inmersión en auga quente durante a dilatación considérase unha opción eficaz como método de alivio de dor, apoiada por abundantes estudos de boa calidade. En cambio, o nacemento en auga conta con menos evidencia científica e discútese a súa seguridade". Na súa tese de doutoramento, a enfermeira especialista en obstetricia e xinecoloxía Susana Iglesias decidiu afondar nesta cuestión levando a cabo un estudo observacional de 1191 nacementos. Nel concluíu que "os partos en auga non están asociados a un aumento significativo de resultados adversos nin para a nai nin para o neonato". 

A tese, titulada Nacemento baixo a auga. Estudo retrospectivo en hospital de baixa intervención, foi presentada este curso académico baixo a dirección de Mª Reyes Pérez. A idea de pór en marcha esta investigación, explica a súa autora, xurdiu tendo en conta como por unha banda "sociedades científicas de obstetras, xinecólogos e  xinecólogas, matronas e enfermeiros e enfermeiras de numerosos países, defenden que o parto en auga debe ser unha opción dispoñible para as embarazadas de baixo risco xunto con información actualizada dos seus posibles beneficios e riscos" e como por outra banda "algúns hospitais que contan con bañeira obstétrica prohibiron o seu uso durante a dilatación e/ou o parto, limitando o dereito da muller a tomar unha decisión informada sobre este tema".

TRES GRUPOS DE ESTUDO. A súa investigación, apunta a xa doutora pola Universidade de Vigo, centrouse no estudo do impacto que pode ter o parto en auga na saúde da nai e do bebé e en concreto se a prevalencia do ingreso do neonato na unidade de coidados intensivos (UCI) se relaciona co tipo de parto (convencional ou en auga). Para iso, detalla Susana Iglesias, comparouse a taxa de traslado a UCI, así como dunha serie de indicadores de seguridade perinatal internacionalmente recoñecidos, en tres grupos: mulleres que pariron en auga, mulleres que só usaron a inmersión en auga durante a dilatación e mulleres que non a usaron en ningún momento do seu parto. 

O estudo, de carácter observacional retrospectivo de cohortes, desenvolveuse no Hospital Comarcal do Salnés (en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), onde Susana Iglesias é matrona. "Nel aténdense embarazadas de baixo risco e en 2008 foi seleccionado para desenvolver as recomendacións da Estratexia de Atención ao Parto Normal, incluíndo a oferta de métodos de alivio de dor non farmacolóxicos como a inmersión en auga quente", comenta a enfermeira. O traballo centrouse en nacementos ocorridos no período 2009-2018, que foron en total 6498, utilizando a inmersión en auga quente 2242 mulleres (o 34,5% de todas as usuarias) e 503 pariron en auga (o 7,7% das mulleres). Tendo en conta os criterios de inclusión, comenta a autora do estudo, recolléronse de maneira aleatoria 406 binomios nai-bebé en cada grupo, participando unha mostra final de 1191 nacementos (404 estiveron incluídos no grupo control, é dicir, partos convencionais; 397 no grupo de inmersión durante a dilatación e 390 no grupo de partos en auga).

SEN DIFERENZAS NO TRASLADO Á UCI. "Os resultados amosan que non houbo diferencias entre os tres grupos na necesidade de traslado do neonato á UCI, o resultado principal deste traballo, sendo a taxa global de traslados moi baixa", comenta a enfermeira especialista en obstetricia e xinecoloxía. Tras realizar regresión loxística para eliminar posibles factores de confusión, detalla, "observamos que no grupo de parto en auga, en comparación cos outros dous grupos, houbo menor posibilidade de necesitar sedación con opiáceos ou oxitocina artificial intraparto e houbo tamén menos risco de que o neonato necesitase reanimación ou presentase distrés respiratorio, de que a muller  tivese problemas durante o seu ingreso na planta de maternidade ou de que o neonato os tivese". No grupo de dilatación con inmersión, engade, "houbo menos posibilidade de distrés respiratorio neonatal ou de reanimación do neonato tras o parto e houbo menos posibilidade de necesitar analxesia epidural que nos partos convencionais; por outra parte, aumentou a frecuencia de sedación con opiáceos intramusculares e a posibilidade de hemorraxia postparto con respecto os outros dous grupos de estudo e aumentou o risco de non recibir lactancia materna á alta con respecto ao parto na auga". No grupo de parto convencional, sinala, "as mulleres tiveron máis risco de episiotomía e de non amamantar á alta en comparación cos outros dous grupos".

Finalizado o traballo, Susana Iglesias conclúe que "púidose concluír que os partos en auga non están asociados a un aumento significativo de resultados adversos para a nai nin para o neonato. A taxa de traslado do neonato á UCI (resultado principal deste estudo) no grupo de parto en auga, non presentou diferencias significativas con respecto aos partos convencionais. Por todo o anterior, parece que a prohibición do uso da inmersión durante a dilatación e/ou parto non se basea en ciencia senón en prexuízos".

Comentarios