Paso adiante para o Grao en Deseño e Creación

O Goberno da UVigo e o Consello Social aprobaron a proposta de verificación do título, que agora irá á Secretaría Xeral Universidades
Consello de Goberno da UVigo celebrado na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. DUVI
photo_camera Consello de Goberno da UVigo celebrado na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. DUVI

Novo paso adiante para o Grao en Deseño e Creación de cara á súa implantación no curso 2020-2021. O Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrou onte a primeira sesión ordinaria deste ano académico, na que os integrantes aprobaron, por asentimento, tanto a memoria de grao á que a semana pasada dera luz verde por unanimidade a Xunta de Titulación, como a correspondente memoria xustificativa e económica, segundo informou este martes o Duvi. Así mesmo, o Consello Social reunido en sesión ordinaria tamén aprobou por asentimento a memoria do grao.

A sesión de Consello de Goberno comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa presentou un estudo preliminar sobre a matrícula nos primeiros cursos dos graos nun ano,subliñou, especialmente preocupante. O motivo é a diminución da poboación en disposición de acceder ás aulas, pero, aínda así, as taxas de ocupación, tanto absolutas, como relativas melloraron nas tres universidades galegas. "Nós estamos particularmente moi satisfeitos dos resultados. Aínda sen pechar, estamos en valores de matrícula de preto do 99% e mesmo nalgún campus estamos por riba do 100%", manifestou o reitor.

Así mesmo, sinalou que se se considera non só o alumnado que vén da Abau, senón tamén aquel que mudou de titulación ou que vén doutro sitio e non fixo as probas da antiga selectividade. "Neste momento temos datos por riba do 100%, máis ocupación que prazas dispoñibles, o que non quere dicir que todas as titulacións se enchesen, senón que globalmente hai algunhas con máis alumnado do inicialmente previsto e noutras quedamos un pouco por debaixo".

A proposta de verificación do Grao en Deseño e Creación foi aceptada polo Consello de Goberno, tanto a memoria da titulación, que a semana pasada recibira o visto e prace por unanimidade da Xunta de Titulación do novo grao, como as correspondentes memorias xustificativa e económica.

Respecto da que no seu día rexeitara a Xunta da Facultade de Belas Artes, a nova memoria "adáptase á situación de que se impartirá na nova facultade e non en Belas Artes e tamén introduce dúas mencións", mentres que o plan inicial non tiña ningunha", explicou Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo. Tal como avanzara o decano comisario do novo grao, as mencións (antigamente orientacións) son unha en Deseño Gráfico e Multimedia e outra en Deseño de Moda".

IESIDE. Coa aprobación por parte do Consello de Goberno e tamén do Consello Social, "o título estará listo para ser remitido á Secretaría Xeral de Universidades para que siga o proceso normal e verificación. Tras iso, temos que empezar a traballar na creación da nova facultade, elaborando a correspondente memoria", detallou Ramos.

En relación coa intención de Abanca de impulsar a creación dunha universidade privada en Galicia, Reigosa dixo que a UVigo estuda o anteproxecto de lei que a Xunta sacou a exposición pública "por se fose preciso presentar alegacións". En canto ao proceso de desascrición de Ieside, confirmou que se está a levar a cabo unha negociación con Abanca, "aínda que no documento da Xunta está recollido como se fai a desascrición, que tería lugar antes do funcionamento desa universidade".

Volverá o servizo de reprografía con persoal?
O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade , José Luis Míguez, explicou as incidencias derivadas da finalización do contrato da empresa que prestaba o servizo da reprografía nos campus de Vigo e Pontevedra. Trala instalación de máquinas de autoservizo en escolas e facultades, lembrou que a UVigo está a traballar desde hai meses nun novo prego de condicións para licitar un servizo completo de copistería. "Un prego que consta de tres partes", dixo achegado os detalles e reiterando "a súa complexidade" polo que non descartou "que poida quedar deserto".

No prego tamén se pide que se cumpra co plantel da anterior concesionaria do servizo.

Comentarios