Paso adiante para recoñecer de xeito oficial a Lingua de Signos Galega

A Deputación colabora con Xoga para financiar un traballo de recompilación e investigación sobre o estado da LSG
Rolda de prensa ofrecida o mércores no Pazo Provincial. DP
photo_camera Rolda de prensa ofrecida o mércores no Pazo Provincial. DP

Que se recoñeza a Lingua de Signos Galega (LSG) como forma de comunicación oficial é o principal obxectivo do traballo de investigación que se está levando a cabo grazas a un acordo de colaboración entre a Deputación e a Organización de Diversidade Sensorial de Galiza Xoga.

"Buscamos recuperar algo que é noso e cantos máis apoios recibamos mellor, porque compete a todos. Calquera lingua, oral ou de signos, é un patrimonio cultural. Unha lingua é de todos e entre todos temos que conservala", dixo a presidenta desta última entidade, María Jesús Monterde, que o mércores presentou a iniciativa xunto á deputada de Lingua, María Ortega.

A representante da Deputación desmontou o mito de que a lingua de signos é única e universal, pois existen tantas como comunidades ou nacionalidades. Sen embargo, lembrou que no territorio estatal no ano 2007 recoñecéronse como linguas de signos oficiais a española e a catalana, algo que non aconteceu coa galega por cuestións sociais e políticas, o que fixo que a comunidade xorda da nosa comunidade optara por uniformizar a súa vía de comunicación adoptando a Lingua de Signos Española. Fronte a esta situación, Ortega defendeu que a comunidade con diversidade sensorial de Galicia ten dereitos lingüísticos "como temos o resto das persoas que vivimos no país", polo que o seu departamento considerou "urxente e necesario" actuar e recoñecer eses dereitos.

Este ano, a Deputación achega 30.000 euros (co compromiso de manter o apoio como mínimo no que resta de mandato) para desenvolver traballos de recompilación e investigación sobre o estado da Lingua de Signos Galega "que segue a usarse aínda que non o pareza", dixo, para engadir que "é unha obriga de Política Lingüística do Goberno do país", polo que instou á Xunta a recoller a luva.