MIGUEL VIEITO | XURISTA ASESOR DA ASOCIACIÓN ARELAS

"É paternalista pensar que o colectivo trans non pode plantexar unha lei de calidade"

Participou na creación dun dos borradores a partir dos cales se deseñou o anteproxecto da coñecida como Lei Trans. Defende o dereito a decidir dos menores, a despatoloxización e asegura que se trata dunha lei garantista
Miguel Vieito. DP
photo_camera Miguel Vieito. DP

Leva traballando no acompañamento e asesoramento a menores trans dez anos e valora a lei como un avance. "Sei que se moitas das persoas que rexeitan esta lei coñecesen historias que eu coñezo, botaríanse a chorar", asegura.

Como é o proceso de transición coa actual lexislación?
O proceso de cambio de documentación é diferente para unha persoa maior de idade e para unha menor. Alguén que queira só cambiar o seu nome e sexa maior de idade teno relativamente fácil, só ten que ir ao Rexistro Civil e manifestar que é unha persoa trans. Se quere cambiar tamén o sexo rexistral, é algo máis complexo. A lei de 2007 pide informes médicos. En principio, a lei que existe é patoloxizante porque esixe información clínica para facer o cambio. Está suxeita a unha fiscalización médica externa, só se pode cambiar a documentación se ao médico lle parece ben e, se non, a persoa segue cunha situación frustrante. Para os menores é moito máis complexo, aínda que en 2019 cambiou algo. Os menores non estaban incluídos na lei de 2007, así que en principio non podían cambiar a súa documentación. Dende Arelas conseguímolo, pero foron casos nos que a arquitectura xurídica tivo que tirar de creatividade. Houbo que buscar argumentos dentro da propia lei, sacar á luz as súas contradicións, para atopar algún subterfuxio legal. En 2019, unha familia de Huesca pleiteou ata chegar ao Supremo e o Constitucional e grazas a iso conseguiuse que o Constitucional dixese que a exclusión de menores desta lei era inconstitucional. Dende entón, na teoría, os menores poden cambiar a documentación cos mesmos requisitos que as persoas maiores. A lei pídeche que demostres que levas dous anos a tratamento. Os tribunais veñen interpretando que isto implica hormonación, que se adoita esixir na práctica.

O colectivo pensa nun mundo máis diverso que outros movementos, pero iso non significa que estea equivocado

Que cambia coa nova lei?
Hai dúas novidades moi importantes e necesarias. Por un lado, a despatoloxización, de xeito que a transexualidade xa non sexa entendida como unha patoloxía. A tradución é que eu xa non preciso informes médicos para cambiar a miña documentación. Isto é algo que xa se fixo en varias comunidades autónomas, como a Comunidade Valenciana. España non está innovando porque a Organización Mundial da Saúde xa dixo que o ano que vén sairá unha nova edición do seu manual de diagnóstico no que a transexualidade xa non vai ser unha patoloxía. Por outro, recoñécese o dereito de autodeterminación de xénero, algo que a propia Unión Europea defende. É dicir, son eu, e ninguén máis, quen decide cal é a miña identidade e a miña manifestación ante o Rexistro ten que ser suficiente. En canto aos menores, os de máis de 16 anos poderan facelo por si mesmos e os de menos poderán facelo co apoio dun dos seus representantes legais ou, no caso de que non o apoien, nomeándose un defensor xudicial. Isto último é unha proposta de Arelas nun dos borradores desta lei. Isto existía xa noutros supostos e pódese extender a este. Esta lei coloca a España no que se viña esixindo internacionalmente.

En cantos países existe xa unha lei que recolle estes conceptos?
A asociación europea Transgender Europe di que España sería o décimo país europeo en recoñecer a autodeterminación de xénero. Co cal, polo menos en Europa hai outros nove países que xa teñen leis deste tipo.

Hai algún país que rectificase algún destes pasos dados a favor da autodeterminación de xénero?
Non coñezo ningún en absoluto e poño en dúbida a afirmación de que haxa países que dean esa marcha atrás. Os principais problemas que se están poñendo de manifesto agora non son tal e, a miña crítica a quen defende estes argumentos é que parte dun descoñecemento profundo do ordenamento xurídico español actual. Por exemplo, fálase de violencia de xénero. As mulleres trans son mulleres aos efectos de ser vítimas de violencia de xénero dende 2007. Ese debate, se o houbo alguna vez, leva resolto dende entón. Durante estes anos non houbo problemas, non vin grandes debates sobre xente que se aproveitaba desta situación. As crianzas foi outro dos problemas que se sinalou por parte de certos sectores, que dan a entender que son volubles e non saben o que queren. Os nenos e nenas levan cambiando de nome e sexo, como mínimo, seis anos en Galicia. Non teño coñecemento de nin unha soa persoa que dese un paso atrás e volvese aos seus documentos orixinais. Naquel momento non xerou ningún tipo de alarma social. Eses mesmos problemas dos que se fala agora foron xa tidos en conta na redacción dos borradores. Nas cláusulas que nós redactamos para os menores pensamos en todos estes problemas e o dereito español ten modo de solucionar os posibles abusos de dereito.

Utilizar o argumento de que veñen problemas para frenar un avance é moi frecuente. Pasa algo semellante coa lei de eutanasia

Un dos argumentos máis repetidos é que se calquera se pode autodefinir muller, o concepto perde sentido. É preciso defender a pervivencia da categoría ‘muller’ a nivel xurídico?
Eu non comparto esta crítica. O feminismo non vai desaparecer por incluír ás mulleres trans. De feito, o transfeminismo enriquece o feminismo clásico. As mulleres trans sufren formas de violencia, acoso e discriminación en enorme número, e son violencias moi semellantes ás que sufren as mulleres cis. Un home cis que maltrata a unha muller non se vai librar da pena por declararse muller. A lei prevé mecanismos para atallar isto. O abuso de dereito como institución xurídica é un mecanismo que existe dende hai 30 anos porque os fraudes existen dende sempre.

Entón este anteproxecto de lei ten garantías ou habería cousas que mellorar?
Utilizar o argumento de que veñen problemas para frenar un avance é moi frecuente. Pasa algo semellante coa lei de eutanasia. Penso que é moi paternalista pensar que o colectivo trans non pode plantexar unha lei de calidade. Hai persoas trans xuristas, catedráticas de universidade, hai xuristas cis que tamén asesoramos. Temos calidade xurídica e técnica para prever este tipo de problemas. Diego Gracia dicía que é un erro clásico considerar que está equivocado todo aquel que pensa diferente a nós. Eu creo que o colectivo pensa nun mundo máis diverso que outros movementos máis tradicionais ou conservadores, pero iso non significa que estea equivocado.

Comentarios