Patricia Vilán: "O noso adversario é Feijóo"

A nova portavoz do PSdeG no Parlamento confesa que apoiou a Leiceaga como candidato á Presidencia da Xunta e só ten boas palabras para quen foi o rival deste nas primarias da pasada fin de semana. Vilán substituirá a Méndez Romeu como voceira parlamentaria do PSdeG cunha máxima: "Pedireille todos os consellos que poida"
Patricia Vilán, este mércores, no barrio de San Roque, en Pontevedra
photo_camera Patricia Vilán, este mércores, no barrio de San Roque, en Pontevedra

"Con moita ilusión". Así afronta Patricia Vilán (Soutomaior, 1970) o seu nomeamento como nova portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, un cargo que asumiu a última hora do martes tras recibir a chamada da presidenta da xestora do seu partido, Pilar Cancela. "Chamoume sobre as oito e cuarto e díxome que quería contar conmigo para ser a voceira do partido no Parlamento. Aceptei", comenta nesta entrevista concedida a Diario de Pontevedra. "Para min é un reto persoal e político", engade.

A súa carreira política no partido é fulgurante. Ademais de estrearse como deputada hai algo máis de tres anos, dende hai só oito meses é secretaria de Organización do PSOE en Pontevedra e agora será voceira parlamentaria. Aspira a algo máis dentro do partido?

Todos temos ambición persoal na vida. Un sempre se pon metas para poder avanzar. Pero dentro dunha organización como é o PSdeG, eu vou facer o que os meus compañeiros consideren. Se para este momento entenderon que podía achegar algo na Portavocía do grupo parlamentario, aquí estou. Igual que cando se me propuxo ser secretaria de Organización do PSOE de Pontevedra. No momento que se me diga que xa non son necesaria volverei á miña profesión (avogada).

Vese liderando o Partido Socialista en Pontevedra ou o de Galicia?

A miña posición actual é ser voceira do grupo socialista no Parlamento.

Ocupa un cargo desempeñado até o de agora por unha persoa moi experimentada. Felicitouna José Luis Méndez Romeu?

Falei con el a mesma noite das primarias e hoxe mesmo volvín falar con el. Méndez Romeu é un referente, non só como deputado, senón tamén como portavoz parlamentario. Foi un voceiro brillante. E vou tirar del para aprender todo o que poida. El felicitoume polo meu cargo e eu pedireille todos os consellos que poida.

Cal será a súa liña nos poucos meses que lle quedan por diante como voceira antes das eleccións autonómicas?

Eu seguirei as directrices que mande o partido. O grupo parlamentario é un brazo instrumental do partido en Galicia. O noso obxectivo é gañar as eleccións autonómicas e sacar dunha vez ó Partido Popular do poder. O noso adversario, evidentemente, é Alberto Núñez Feijóo.

Cre que Feijóo ten a maioría absoluta perdida?

A sensación que temos no partido é que non se prodiciu un adianto das autonómicas, precisamente, porque a Feijóo non lle dan os números.

Aposta vostede por unha alternativa de Goberno, de pactos, para que Feijóo non sexa presidente?

Eu non opino sobre cuestións orgánicas, pero é certo que o PSdeG sempre apostou por gobernos de progreso naqueles sitios onde foi posible. Iso si, liderados polo PsdeG. E iso é o que entendemos que vai pasar despois das autonómicas.

As primarias do PSdeG escenificaron divisións de criterios, moi fortes, no seo do partido. Como afrontan os socialistas as autonómicas?

Esta fin de semana houbo un 65% de participación para elixir ó novo candidato do partido á Xunta. Somos un partido democrático. Ideoloxicamente estamos na mesma liña, pero hai diferentes posturas sobre como afrontar determinado tipo de problemas. Pero iso non quere dicir que non esteamos unidos. O propio Méndez Romeu, no Pino, a sede do PSdeG en Santiago, dixo que estaba a disposición absoluta de Xoaquín Fernández Leiceaga. E esa é a postura de todos os militantes e de todos os cargos políticos do partido: remar con Xoaquín Fernández Leiceaga para que gañe as eleccións autonómicas.

Vostede votou a Leiceaga?

Como militante, votei por Leiceaga.

Terá algún ‘guiño’ con Pontevedra como voceira parlamentaria?

Este sábado é a marcha contra Ence e penso participar. Ese será o meu ‘guiño’. E virán máis.

Comentarios