Paula Dapena e o persoal sociosanitario que loita contra a covid, premios Cidade de Pontevedra

O galardón entregarase o 20 de xaneiro
Una sanitaria y Paula Dapena. ARCHIVO
photo_camera Una sanitaria y Paula Dapena. ARCHIVO

A futbolista Paula Dapena, que se negou a homenaxear a Diego Armando Maradona tras o seu falecemento, e o persoal dos hospitais pontevedreses que traballa na loita contra a covid son os gañadores do Premio Cidade de Pontevedra nas categorías de persoa física e xurídica, respectivamente.

O xurado do galardón decidiu por unanimidade recoñecer a "valentía do xesto contra a violencia de xénero" da deportista pontevedresa, segundo explicou a concelleira Carmen Fouces na comparecencia tras a reunión na que se deliberou, así como "agradecer o esforzo do persoal sociosanitario que leva case 12 meses loitando contra a pandemia".

Neste último caso, o Concello comunicoulle o premio ao equipo covid do Chup e serán os propios traballadores os que elixirán representantes para recoller o premio, o próximo 20 de xaneiro nun pleno extraordinario. Non poderán recibilo representantes de ningún sindicato ou partido político.