A páxina web de Turismo Rías Baixas incrementa un 11% as súas visitas

O sitio bateu o seu récord histórico de usuarios mensuais
Imaxe da web de Turismo Rías Baixas
photo_camera Imaxe da web de Turismo Rías Baixas

A páxina web de Turismo Rías Baixas incrementou un 11% as súas visitas desde principios de ano e en agosto bateu o seu récord histórico de usuarios mensuais con 41.200 persoas seguindo a información sobre a oferta turística do destino.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este luns no Pazo provincial os bos resultados do proxecto de actualización da web e destacou o "enorme impacto" logrado polo destino #PontevedraProvincia nos últimos meses na Internet e no conxunto das redes sociais de Turismo Rías Baixas.

Silva precisou que o portal conta agora cun deseño "claro e intuitivo, adaptado á navegación en todos os dispositivos e con contidos estruturados en base aos eixes do Plan estratéxico de turismo 2017-2020: enogastronomía, natureza, cultura, turismo activo, termalismo, patrimonio, festas e Camiño de Santiago".

Ao 11% máis de visitas logradas na web de Turismo Rías Baixas súmase un 18,43% máis de páxinas vistas e un crecemento das usuarias e usuarios novos do 9,16% desde xaneiro, pasando de 381.284 a 451.573.

"Os datos demostran unha mellora do posicionamento en buscadores por parte da provincia de Pontevedra e un maior interese por campañas específicas como #HambredeExperiencias, os Festivais Rías Baixas e o especial sobre as seis rutas xacobeas que atravesan Rías Baixas . Todo este contido novo logrou que aumenten tamén as páxinas consultadas por sesión e que as usuarias e usuarios pasen máis tempo no portal de Turismo Rías Baixas".

A conta oficial de Twitter acaba de alcanzar a simbólica cifra de 25.000 usuarias e usuarios, consolidando o seu liderado entre as deputacións galegas. Nos tres meses de verán lográronse 1,2 millóns de impresións cos tuits publicados desde @turisriasbaixas.