O Pazo da Cultura estrea este domingo a inscrición telemática para os obradoiros infantís

Máis de 300 prazas en RockLab, A procura do tesouro e A hora do conto para nenos de 4 a 17 anos ► Se hai máis demanda farase sorteo

Unha actuación do alumnado do RockLab con Gonzalo Maceira. R. FARIÑA
photo_camera Unha actuación do alumnado do RockLab con Gonzalo Maceira. R. FARIÑA

Adeus ás tradicionais colas de persoas, que empezaban a formarse en plena madrugada, para lograr unha das codiciadas prazas nos obradoiros incluidos no MiniPazo Club. Tal como anunciara o ano pasado a concelleira de Cultura, Carme Fouces nesta edición o sistema de solicitude de praza muda radicalmente. Tamén o nome da iniciativa, que pasa a denominarse Obradoiros do Pazo.

Así, as inscricións realizaranse unicamente a través do correo electrónico e o prazo comeza mañá luns, só en canto pase un minuto da vindeira medianoite.

A programación de obradoiros para a rapazada e a xuventude de entre catro e 17 anos que leva a cabo o Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura bota a andar ofertando máis de 300 prazas nos obradoiros A procura do tesouro, de Migallas Teatro; A hora do conto, de Pavís Pavós, e RockLab, de Rocklab Team (formado por Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera, Laura García e Iago Marta.

As inscricións deberán realizarse só a través do correo electrónico [email protected] entre as 00.01 do 8 de outubro e as 23.59 do día 9, achegando debidamente cuberto e no prazo sinalado, un formulario por neno e actividade.

As follas de preinscrición xa están dispoñibles na web www.pazodacultura.org, onde aparecerán publicadas o día 10 de outubro as listaxes provisionais de admitidos nas diferentes actividades.

Naqueles obradoiros onde a demanda supere a oferta, o día 11 realizarase un sorteo público para a asignación das prazas, priorizando o alumnado que participou en anteriores edicións.

Para as actividades nas que puideran quedar vacantes logo do día 11, os formularios de inscrición permanecerán dispoñibles na web e serán recepcionados a través do mesmo correo.

PREZOS. O Pazo prega a máxima rigorosidade nas idades recomendadas. As crianzas deberán ter cumpridos os anos mínimos de admisión entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

O taller de animación á lectura de Pavís Pavós está pensado para nenos e nenas a partir de catro anos e custará 50 euros nun único pagamento. Os sete obradoiros de expresión dramática, plástica e musical de Migallas Teatro, en función da idade, constan de 22 sesións entre outubro e maio e o prezo é tamén de 50 euros.

Os seis talleres de expresión musical do RockLab Team están indicados para rapazada de entre catro e 13 anos noutros tantos tramos de idade. Neste caso o prezo é de cen euros en dous pagamentos, un ao inicio de cada cuadrimestre. Ao igual que os anteriores, as sesións tamén se desenvolverán entre este mes e maio de 2019.

Comentarios