Pechan matrícula cinco graos do campus de Pontevedra no terceiro chamamento

Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes, Educación Primaria, Ciencias da Actividade Física e do Deporte xa completaron as súas prazas

Alumnado na Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade do pasado mes de xuño, na Facultade de Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alumnado na Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade do pasado mes de xuño, na Facultade de Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Educación Primaria, Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Belas Artes son as cinco titulacións do campus de Pontevedra que constan como pechadas nos listados publicados onte pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug). Así, todas elas cubren as súas prazas á vez, xa que nas listaxes publicadas o pasado 23 de xullo, tras o segundo chamamento, aínda ningunha do campus o fixera.

No resto da UVigo cerraron xa outras catorce titulacións, oito no campus de Ourense e seis no de Vigo, fronte ás tres que pecharan en total no chamamento anterior. Na Universidade de Santiago pecharon xa vinte titulacións no campus principal e unha no de Lugo, e na Universidade da Coruña son doce os graos completos na cidade herculina e tres en Ferrol.

No caso do campus pontevedrés, tres dos graos que se veñen de completar fano aumentando a súa nota de corte con respecto ao ano pasado. Son Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que pasa dun 8,336 a un 8,406; Belas Artes, dun 5,920 a un 6,160, e Educación Primaria, a que experimentou un maior aumento, dun 8,070 a un 8,378. As que, malia teren pechado xa, o fan con notas máis baixas que no curso anterior, son Comunicación Audiovisual, que pasou dun 9,074 a un 8,910, e Publicidade e Relacións Públicas, dun 8,410 a un 8,402.

As notas de corte aínda non definitivas dos seis graos restantes do campus de Pontevedra van desde o 5,000 de ambas as modalidades do Grao en Dirección e Xestión Pública (presencial e semipresencial) ata o 10,650 de Fisioterapia, pasando polo 5,100 de Enxeñaría Forestal, o 7,700 de Educación Infantil e o 9,838 de Enfermaría. Estas irán a por un cuarto chamamento unha vez finalizado o novo prazo de matrícula.

TERCEIRA MATRÍCULA. O prazo ábrese este mércores ás 14.00 horas e pechará o vindeiro venres 3 de agosto e debe realizarse na páxina web da universidade galega correspondente. Os alumnos das Abau, titulados de FP, maiores de 25 anos, estranxeiros de países non membros da Unión Europea, deportistas de alto nivel e estudantes con discapacidade preinscritos en xuño poden consultar xa desde onte nos LERD se constan nas listaxes de admitidos. No caso de estaren en espera, poden consultar a súa posición na lista a través da web www.ciug.gal ou chamando ao teléfono 881 813 452.

Dobres graos
A máis alta de Galicia é un 13,330


A nota de corte máis elevada das xa definitivas corresponde ao Dobre Grao de Matemáticas e Física, que se imparte en Santiago e pechou xa no anterior chamamento. Séguena de preto o tamén Dobre Grao de Enxeñaría Informática e Matemáticas, cun 13,270; o Dobre Grao en Comunicación Audiovisual e Xornalismo, cun 12,785; o Grao en Medicina, que vén de pechar neste chamamento cun 12,388, e o Dobre Grao en Química e Física cun 12,292, todos eles tamén da Universidade de Santiago de Compostela. Outras titulacións santiaguesas, como a recén estreada Biotecnoloxía ou Odontoloxía, tamén superan de momento o 12 pero non completaron aínda as prazas.

Corenta e cinco proxectos toman parte na quinta edición de Pont-up Store

A quinta edición de Pont-Up Store contará con 45 proxectos emprendedores, que se celebrará en Pontevedra do 20 ao 22 de setembro. Entre as 144 propostas recibidas, as novas tecnoloxías volven achegar as iniciativas máis impactantes, seguidas polas dos sectores da saúde e benestar, turismo, textil, gastronomía e xestión cultural. 37 destas ideas emprendedoras disporán dun stand gratuíto para amosar os seus produtos, ideas e servizos e seis máis terán a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas coma un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.

PUNTAZO EXPRÉS. Un total de dez emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán oportunidade de explicar en cinco minutos a súa iniciativa a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica; María Caldeiro, xerente de Fundamar; Lucía Gregorio, adxunta a dirección de Redegal; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones. O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, sinala que "nesta edición se constatou un importante incremento na calidade dos emprendementos que presentaron candidatura".

Comentarios