Pechan a rúa Otero Pedrayo por risco de caída do muro do albergue

Non está permitido o paso de vehículos e os peóns só poden circular pola outra beirarrúa

A rúa Otero Pedrayo, en Pontevedra, permanece pechada ó tráfico. DAVID FREIRE
photo_camera A rúa Otero Pedrayo, en Pontevedra, permanece pechada ó tráfico. DAVID FREIRE

A rúa Otero Pedrayo permanece pechada ó tráfico desde o mediodía deste xoves por risco de caída do muro de contención da parcela onde se atopa o albergue de peregrinos.

Xa dende o principio da semana, o Concello estivo facendo un seguemento da evolución da "barriga" que presentaba este muro, ata que na mañá deste xoves e logo dunha nova visita do equipo de enxeñería municipal, acordouse o peche da rúa porque se viu que a situación ía a peor. A Policía Local pechou a zona arredor das 13.30 horas deste xoves.

O Concello de Pontevedra púxose en contacto co Xacobeo para informar da situación que presenta a parede de pedra, xa que a parcela é propiedade do Goberno autonómico. A Administración galega confirmou que o albergue está pechado durante as datas de Nadal, polo que non se prevé a presenza de peregrinos.

A rúa quedou pechada ó tráfico ata novo aviso. Está permitido o tránsito de vehículos de residentes (hostal, froitería...), así como o paso de peóns, pola beirarrúa contraria ó muro e coas debidas medidas de precaución.