Pedaladas amosa os perigos de non respectar a distancia mínima

A asociación pide concienciación aos usuarios da vía pública para que garden os 1,5 metros de separación nos adiantamentos
Demostración deste mércores, en Pontevedra
photo_camera Demostración deste mércores, en Pontevedra

Demostrar graficamente cal é a distancia que deberían respectar os coches que adiantan a unha bicicleta. Esa é a finalidade da actividade que protagonizou onte a asociación Pedaladas dentro do seu mes Cero Violencia Vial. Así o explicou o presidente da asociación, Manuel Torres, que dixo que, a pesar de que os condutores que respectan o metro e medio de distancia mínima son unha minoría, "polo menos hai máis educación cara aos ciclistas e iso xa é un avance importante".

Torres recordou que a normativa permite aos coches pisar liñas continuas e invadir o carril contrario sempre que a situación o permita. Do mesmo xeito, incidiu que a distancia de seguridade é un dos factores que provocan máis accidentes e caídas de ciclistas.

O presidente da Asociación Ciclistas Galegos, Juan Torrado, tamén estivo no acto e asegurou que "o principal problema que vemos cos usuarios da vía que non son ciclistas é que falamos linguaxes distintas: eles falan de tráfico e circulación e nós falamos de vida ou morte", explicou.

No ano pasado faleceron catro ciclistas nas estradas galegas. Por iso, Torrado explicou que é importante poñer en valor a vida dos ciclistas e concienciar aos condutores, tal e como se fai con outras campañas como as de prevención da alcoholemia ao volante ou o uso do cinto de seguridade. Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da Federación Galega de Ciclismo, tamén estivo presente durante esta iniciativa. "Todas as Administracións deberían apoiar este tipo de actividades", dixo. "A verdade é que faltan campañas de concienciación como as que teñen que ver co uso de dispositivos de retención para nenos ou co uso do cinto", lamentou.

Comentarios