lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Pedaladas impulsa saídas en familia para reclamar máis carrís bici

Actividade Ao Insti en Bici promovida por Pedaladas. GONZALO GARCÍA
Actividade Ao Insti en Bici promovida por Pedaladas. GONZALO GARCÍA

No Día da Bicicleta, os ciclistas pedirán no Parlamento máis seguridade nas estradas

Co gallo da celebración do Día da Bicicleta, os colectivos ciclistas levarán ó Parlamento Galego as súas reivindicacións. "Agardamos que esta reunión sexa un impulso para desenvolver as medidas que promovan de forma decidida a bicicleta como un medio de transporte para todos os galegos sen importar idade ou condición física de acordo coas políticas europeas de desenvolvemento sustentable e economía baixa en carbono", subliñan estas asociacións.

Ademais, en Pontevedra, o colectivo Pedaladas pon en marcha unha serie de saídas en bicicleta abertas ó público para reclamar que se amplíen os espazos para o uso de bicicleta e novas iniciativas desde o Concello para impulsar o transporte sustentable. O presidente deste colectivo, Quique Pérez, lembrou que Pontevedra conta a día de hoxe con 6.620 metros de carril bici, arredor de doce quilómetros de sendas compartidas e espazos ciclables. "Porén, no último mandato non se creou nin un só quilómetro máis de carril bici", subliñou, "si un carriño de senda compartida con peóns desde a praia fluvial ata case o empate coa presa da senda do Lérez, de arredor de 600 metros".

Lembra ademais este colectivo que na actualidade está aprobada e pendente de Fomento, a reforma do Paseo de Marín cun carril bici, e teñen solicitado novos viais entre a Ponte dos Tirantes e as estacións de bus e tren.

Segundo o barómetro da bicicleta, o 18,5 por cento dos españois usan a bicicleta alomenos un par de veces ó mes. Galicia atópase nesa liña aínda que os usuarios deste transporte a dúas rodas consideran que se se facilitasen os vieiros máis persoas empregarían decotío este medio de transporte. Este xoves Pedaladas promoverá unha nova edición de Ao Insti en Bici. O venres terá lugar Bici Lúa, unha saída nocturna familiar aberta ó público). Ademais, promoven dúas rutas máis para os días 22 e 26 de abril.

...o reloxo de Pedaladas
19 de abril -  Ao INSTIenBici no Sanchez Cantón, de 9 a 12.00 actividade no patio e de 12 a 14 saída na rúa.

20 de abril - Bici Lúa. Saída nocturna familiar en bicicleta. Ruta de 8km con saída e chegada na praza de España (de 21 a 22.15 horas).

22 de abril - Día da Terra, saída cicloturista familiar para ver a primavera no Pazo de Lourizán. Praza de España, 11 horas.

26 de abril - Masa Crítica saída polas rúas da cidade. Saída ás 21 horas da Praza da Peregrina.

 

Pedaladas impulsa saídas en familia para reclamar máis carrís bici
Comentarios