Pedaladas prevé dificultades para as bicis tras a reforma de Loureiro Crespo

O colectivo avisa de posibles atascos na rúa A Estrada ao eliminar un carril

Dos personas luchan contra la lluvia y el viento en Loureiro Crespo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Rúa Loureiro Crespo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras o anuncio da humanización dun novo tramo da rúa Loureiro Crespo, as reaccións veciñais comezan a chegar. Deste xeito, este domingo Pedaladas emitiu un comunicado onde explicaba as súas opinións sobre a dita reforma. Así, considera que anchear as beirarrúas e deixar un só carril dificultará o tránsito para as bicicletas. Por outra parte, tamén cre que provocará que a rúa Estrada, paralela a Loureiro Crespo, padeza atascos máis frecuentemente.

"As bicicletas e os vehículos lixeiros eléctricos van verse expulsados ás beirarrúas; é un 'refrito' da Avenida de Lugo e consiste simplemente en suprimir un carril de circulación e dunha banda de estacionamento para anchear as beirarrúas ata que teñan un ancho de entre catro e sete metros". Neste sentido, o colectivo critica que no caso da Avenida de Lugo non se habilitase un carril bici na reforma. Pedaladas pon outros exemplos como Médico Ballina, Rosalía de Castro e a Avenida de Vigo, "onde existe un deseño urbano que desincentiva o uso da bicicleta e fomenta a conflitividade entre peóns e ciclistas".

A asociación explica que a densidade de tráfico motorizado que pasa por lugares sensibles e escolares, colapsará a rúa a Estrada e por extensión dará problemas na rúa 12 de Novembro. "Isto non sucedería se o Concello de Pontevedra contara cun Plan de Mobilidade Sustentable que analizase os fluxos de tráfico e marcase a estratexia de redución de tráfico motorizado cara a bicicleta, o transporte público e o desprazamento a pé". Neste sentido, Pedaladas pide ao Concello que convoque a Mesa Pola Bicicleta.

O colectivo prevé que se produzan atascos na rúa A Estrada. "A rúa Loureiro Crespo conta con 17.800 vehículos día, 8.900 por sentido, e a rúa A Estrada non pode absorber ese fluxo. Vai colapsar cada vez que o colexio Sagrado Corazón teña entrada ou saída. Tamén, existirán fortes colas no extremo da rotonda con Xoan Carlos I". Así, Pedaladas indicou no comunicado que o Concello de Pontevedra debería facilitar espazos libres de ruído e contaminación, un obxectivo que, para o colectivo, non se cumpre con este proxecto.

Comentarios