A pedra cobra vida en Pontevedra

Os xardíns da Deputación acollen a exposición 'Nado en pedra', que reúne 17 pezas realizadas entre 2010 e 2016 por alumnos da Escola de Cantería de Poio

'Abrazo', de José Rocha. DAVID FREIRE
photo_camera 'Abrazo', de José Rocha. DAVID FREIRE

Poñer en valor o traballo dos alumnos da Escola de Cantería de Poio é o obxectivo da mostra Nado en pedra, que a Deputación Provincial vén de inaugurar nos xardíns, despois de que itinerara por outras localidades como Santiago de Compostela ou O Grove.

"Coa intención de promover e conservar un dos oficios máis nobres e tradicionais de Galicia, esta mostra non só fai fincapé na actividade que mozos e mozas desenvolven na Escola de Cantería —impulsando, ao mesmo tempo, unha saída laboral propia— senón que serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega", explica a Deputación. A mostra está composta por 17 pezas realizadas entre os anos 2010 e 2016 por alumnos da Escola de Cantería, algunhas delas de máis de 1.000 quilos de peso. Fundamentalmente representan oficios tradicionais ou estampas da vida cotiá.

"As nosas canteiras e canteiros non só acadan unha formación como profesionais cun amplo futuro senón que tamén están apostando por manter unha tradición fortemente vinculada ás nosas raíces", explica a presidenta da Deputación, Carmela Silva, no catálogo da mostra. "Ninguén pode entender Galicia e Pontevedra sen a pedra, presente en todos os recunchos, parte fundamental da arquitectura galega, elemento esencial da nosa cultura e, máis aínda, da nosa identidade como pobo, da nosa alma, xunto coa auga".

Entre os alumnos que asinan obras como Home cun neno no colo, A coitadiña, Muller dando o peito ou Gaiteiro sentado para esta iniciativa están Álvaro Somoza, Emilio José González, José Sampedro, José Luis Fernández, Daniel Vera, Pedro José Rodríguez, José Rocha, Víctor Manuel Otero, Nicolás Ricón, Rubén Touriño, Francisco Escariz, Lorenzo Lede, Víctor Durán, Jonathan Mariñas e Raúl Martínez.

Comentarios