A Pedra Frojám pídelle ao Concello que retire das rúas os símbolos franquistas

A asociación de Lourizán solicita que se aplique a Ley de Memoria Histórica
O escudo franquista que permanece na Rúa Michelena. RAFA FARIÑA
photo_camera O escudo franquista que permanece na rúa Michelena.

O escudo preconstitucional que permanece na fachada do edificio do número 23 da Rúa Michelena; a coñecida como Cruz dos Caídos da Alameda; "as pezas e placas con simboloxía falanxista presentes en fachadas de edificios, fontes ou outros elementos do espazo público" e "as denominacións procedentes da ditadura, como é o caso da Plaza de España" son os catro elementos que a asociación de Lourizán A Pedra Frojám lle vén de solicitar ao Concello de Pontevedra que retire do espazo público.

Faino, segundo sinala, amparándose na Ley de Memoria Histórica de 2007. O que di o artigo 15 desa lei é: "Las Administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias, tomarán las medidas oportunas para la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura".

A asociación de Lourizán identifica eses catro elementos que reclama que se eliminen coa exaltación do franquismo e solicítalle ao Concello que aplique a lei. "Lamentamos que, tras máis de dúas décadas de gobernos dirixidos por partidos que se din comprometidos coa recuperación da memoria democrática e coa dignificación das vítimas do franquismo, tanto o alcalde como o resto da corporaçom municipal non cumpran coa aplicación da Lei de Memoria Histórica".

PRAZA DE ESPAÑA. Segundo A Pedra Frojám, non retirar estes símbolos e denominacións (aínda que o BNG en Pontevedra hai tempo que mudou, nas súas comunicacións, o nome de Praza de España polo de Praza do Concello) supón "un agravio á memoria das numerosas vítimas inocentes da represión franquista".

A asociación, que pide tamén que se profundice nas campañas de recuperación da memoria histórica "nunha época na que vemos cada día o avance do fascismo", solicítalle ao Concello unha acción xeral contra a simboloxía franquista que permanece na cidade "por dignidade e saúde democrática". E remata indicando a necesidade de que se realice un inventario: "En consecuencia, tamén lle pedimos ao goberno municipal que, sen máis demora, tome as accións precisas para conseguir a eliminación de escudos, cruces, placas e demais elementos desta simboloxía, previa elaboración dun inventario detallado de todos os elementos aínda presentes no espazo público".