Pedro Figueroa Dorrego: "O 66% das iniciativas presentadas este ano están lideradas por mulleres"

Director do Pont-Up Store e investigador do principal no grupo estratéxico G4 Plus, Figueroa dirixe desde 2014 o espazo de emprendemento
Pedro Figueroa Dorrego. GONZALO GARCÍA
photo_camera Pedro Figueroa Dorrego. GONZALO GARCÍA

O director do Pont-Up Store traballa todo o ano na súa organización desde o grupo de investigación de desenvolvemento estratéxico local e sectorial que dirixe, o G4 Plus. "Organizámolo de forma voluntaria. Era algo pequelo que se converteu en grande e teremos que repensalo", apunta. O evento está promovido polo Campus CREA.

Case a cuarta parte das candidaturas presentadas quedaron fóra. En que se basea a selección? Depende do sector, pero si. Entre a terceira e cuarta parte das propostas non foron atendidas e todos son proxectos de calidade. É un evento multisectorial e escollemos os que nos parecen máis innovadores de cada eido. Practicamente o 80% dos que quedan fóra podían estar perfectamente. O criterio básico é que sexa empresas creadas e con menos de catro anos de funcionamento. É o novo emprendemento. Non son ideas nin cousas no aire. Son proxectos reais, con produtos e servizos. Hai un comité organizador, onde a maioría de integrantes son antigos participantes, ademais dalgunha xente da Universidade de Vigo.

O 90% das empresas que participaron neste evento continúan en funcionamento

Como se organizan para escoller?
Repartimos os sectores, uns sete ou oito, pola experiencia de cada un: enxeñería, tecnoloxía da información, téxtil e complementos, turismo e ocio, saúde, alimentación... Avalíanse as candidaturas, en función basicamente da proposta innovadora que teñan e a capacidade que lles vemos e a información que nos remiten (vídeo, web...). E tamén se valora que sexa sostible e que perdure no tempo. De feito, o 90% de todas as empresas que pasaron polo Pont-Up nas edicións anteriores, que son unhas 300, seguen funcionando. E iso que o 60% das empresas que se crean acaban desaparecendo.

Na presentación destacouse a participación no Pont-Up, cada vez maior, de proxectos chegados de fóra das grandes cidades.
Si. De feito case o 40% son candidaturas que veñen do mundo rural ou de vilas, non das sete grandes cidades galegas. E veñen de toda a comunidade e de todos os sectores. Outro dato interesante é que o 66% das iniciativas seleccionadas están lideradas por mulleres. Cada grupo do comité fai unha proposta, valórase en conxunto e facemos a selección final. E todo é gratuíto.

En que modalidades poden participar os emprendementos?
Hai tres opcións. O stand gratuíto, que estarán o venres e o sábado, e no que participan 36 empresas; o Puntazo Exprés, para expoñer en cinco minutos o proxecto a catro directivos de empresas recoñecidas, e as actividades demostrativas dalgún servizo ou produto de cara ao público que axudan a dinamizar o espazo. Despois hai outros ámbitos con actividades complementarias. Sempre temos un espazo de economía social e creativa, un laboratorio creativo de música e audiovisual, un espazo gaming e tres cousas novas este ano: un espazo de igualdade, cunha mesa redonda e a presentación dun programa de emprendemento feminino, e tamén temos a xuntanza de Mulleres Atlánticas, que xunta emprendedoras galegas e do Norte de Portugal. E o espazo de innovación social, para proxectos que máis que negocio son iniciativas para satisfacer algunha necesidade social, como o Galician Rural Lab e Vulnerables.

"O Norte de Portugal é un obxectivo importante; é un tema que haberá que abordar"

Todas as candidaturas proceden da comunidade galega?
Por agora traballamos no ámbito galego. Todos os anos vén algunha candidatura puntual de fóra. Este ano temos unha empresa portuguesa [Oytto] que fabrica calzado de números menos habituais, grandes e pequenos. Non facemos promoción fóra. É un tema que haberá que abordar, porque o Norte do Portugal é un obxectivo importante. Pero temos un número de prazas limitadas e temos aquí proxectos de moita calidade. Para dar ese paso cara Asturias, o Bierzo e Zamora teriamos que ampliar o espazo. É un obxectivo antes de cumprir a décima edición.

A ampliación do espazo obrigaría a cambiar o emprazamento?
Non, sería no mesmo sitio. Facémolo na rúa e é unha instalación custosísima para dous días, ese é o problema. Facémolo na rúa porque este evento ten dous obxectivos: un é apoiar ao novo emprendemento e axudar á súa visualización. Polos stands pasan 20.000 persoas e é un sitio estupendo para testar o teu produto de xeito gratuíto. Iso custa moito e por iso hai quen lanza produtos sen testalo e acaban fracasando. O segundo obxectivo é incrementar a cultura emprendedora na sociedade. Queremos que a xente vexa que hai emprendemento e innovación e tamén crear un clima de apoio social e institucional. Por iso ten que ser no centro da cidade.

Comentarios