As peñas taurinas abarrotan a Praza

As altas temperaturas da xornada deste domingo non foron quen de evitar que a Praza de Touros da cidade se enchese ▶ Asistentes de todas as idades e procedencias esperaban ansiosos nas longas colas ás portas do couso de San Roque

A falta de máis dunha hora para o comezo do evento, nos bares e prazas da cidade comezábanse a lucir as vestimentas de todas as cores e estilos, que identifican ás peñas taurinas. Pero habería que aproximarse ata a Praza de Touros de Pontevedra para vivir o verdadeiro ambiente previo á primeira corrida da Feira da Peregrina. Alí, asistentes de todas as idades e procedencias esperaban en longas colas para presenciar o evento da man de Sebastián Castella, Daniel Luque e Tomás Rufo

Abanicos, bebidas e neveras portátiles ocupaban as mans de quen esperaba ás portas do couso de San Roque, como forma de facer fronte ás elevadas temperaturas da tarde deste domingo. Mais a calor non evitou que as peñas taurinas sacasen a relucir as súas vestimentas e entoasen con alegría cánticos tradicionais, nunha xornada na que os vítores e aplausos inundaron o interior da praza dende o inmediato inicio da corrida. Tales eran as ganas por presenciar o evento que moitos presentes na zona se agolparon ás portas do coso para interesarse polas coreografías dos toureiros. 

Pola súa banda, nos arredores da Praza contouse coa cooperación policial e sanitaria para garantir o desenvolvemento sen incidentes da xornada. 

Presenza antitaurina

A xornada do domingo contou ademais coa reivindicación dun grupo de mulleres antitaurinas, que aproveitaron a ocasión para manifestar o seu desacordo co evento do interior da Praza. As manifestantes aportaron pancartas con mensaxes en contra da tauromaquia e unha vestimenta de cor negra co corpo pintado de vermello, como reivindicación ante a dor que sofre o touro durante este tipo de celebracións. Así e todo, esta presenza antitaurina non supuxo ningún incidente cos demais asistentes ao evento, de xeito que a xornada se desenvolveu pacificamente.

Comentarios