Pepe Solla: "Creo que este cambio forzado pode traer cousas positivas"

O chef galego foi elixido pregoeiro das Festas da Pergrina 2020 polo seu compromiso con Pontevedra, da que sempre foi un orgulloso embaixador e á que axudou en tempos de pandemia, colaborando co comedor social de San Francisco
Pepe Solla, servindo unha ración no comedor de San Francisco durante o estado de alarma. DAVID FREIRE
photo_camera Pepe Solla, servindo unha ración no comedor de San Francisco durante o estado de alarma. DAVID FREIRE

A concelleira Carme da Silva desvelou o misterio na mañá de onte: Pepe Solla será o pregoeiro das Festas da Peregrina 2020. O cociñeiro, segundo a propia Da Silva, foi escollido pola súa labor de embaixador de Pontevedra, así como polos seus méritos durante o estado de alarma, onde axudou á cidade colaborando co comedor de San Francisco. Solla, na súa presentación, confesou que esta elección era unha das cousas máis bonitas que lle podían pasar. 

Como vivíu ese momento no que o chaman e lle ofrecen ser o pregoeiro das Festas da Peregrina?
Para min foi primeiro unha sorpresa, porque non contaba con ser pregoeiro, pero é unha auténtica ledicia. Que te chamen para facer cousas así é marabilloso. Síntoo como unha honra. Eu recordo, desde que era pequeno, ir ás festas da Peregrina e ver aos pregoeiros, así que non o dubidei nin un segundo.

Vostede destaca como un orgulloso embaixador de Pontevedra. Que representa para vostede a cidade de Pontevedra?
Para min Pontevedra é a miña cidade. Poio é a miña vila, e Pontevedra a miña cidade. Eu sempre presumo moito dela, porque é un sitio entrañable, unha cidade da que sempre falo como se vivira nela. Especial, para disfrutar. Para coñecela. Porque quen coñece Pontevedra, sexa un día, dous ou mil, queda namorado dela. É preciosa. 

Que lembranzas ten das festas da Peregrina?
Eu recordo de pequeno ir ás barracas, aos tiros, a todas as atraccións. Algo que cando eres rapaz é moi especial. Algo que, incluso, revivín cos meus fillos, cando os vin gozar diso. Cos anos quizais esas cousas non as disfrutas tanto, pero pasas a valorar outras, coma os concertos. Na rúa, na Praza de España. Ver a grupos como Love of Lesbian, que viñeron hai uns anos. Agora recoñezo que unha das cousas das que máis gozo é a música, a parte música. E este ano, nese sentido, hai unha programación moi chula, con moitas localizacións. Penso que vai ser especialmente bonito.

"Hai que pelexarse por recuperar a normalidade. Non debemos deixar de facer as cousas, aínda que sexa dun xeito distinto"

Intenta ver o vaso medio cheo, na medida do posible, neste pregón tan atípico?
Si, absolutamente. Este ano, ao non permitirse grandes aglomeracións, estanse a deslocalizar os concertos. Non se van a facer todos nun mesmo sitio, senón moitos concertos pequeniños en distintos lugares. E a cidade vaino pasar ben e a vivilo dun xeito distinto. Eu intento ser positivo e incluso penso que esta fórmula nova debería instaurarse de aquí ata diante. Paréceme unha idea moi boa e penso que podería servir para que toda a cidade vivise estas festas moitísimo máis. Hai cousas que creo que deberían plantexarse incluso para outros anos. Algo que igual antes non nos plantexabamos porque estabamos coa rutina feita e, de pronto, tivemos que reorganizar isto e sairon ideas moi chulas. Como, tamén, mover o pregón para o Palco da Música, que me parece unha ubicación moito máis bonita. Creo que este cambio forzado pode traer cousas positivas.  

Xa pode adiantar algo sobre por onde van ir os tiros do seu discurso?
(Risas) Sigo sin telo feito, pero xa hai unha idea, claro. Irá un pouco de como esta situación tan especial nos vai facer vivir estas festas de xeito distinto, pero que hai que pelexarse por recuperar a normalidade. E unha das cousas é esta: hai que vivir o que temos cos novos condicionantes e saber aprender deles. Non debemos deixar de facer as cousas. Tamén falarei do que implicou estar na pandemia cociñando e descubrindo problemas dos que antes non era tan consciente e dos que penso que non somos tan conscientes. 

A día de hoxe, ten moitas ganas, moitos nervios, de que chegue xa o sábado ás doce e poida inaugurar as Festas da Peregrina?
Teño as dúas sensacións. Ao final non é o meu medio. Eu son cociñeiro. O meu medio son os fogóns, as tixolas, a comida. Pero claro que teño ganas. Vai a ser un día especial. Miña nai, meus amigos, van estar alí e claro que quero que chegue. Teño esa inquedanza, que non medo, de querer que sexa xa o sábado. Vívoo cunha ilusión inmensa.

Comentarios