Alumnos enchen a Escola de Forestais cos seus proxectos científicos

Pontenciencia reúne a 300 escolares ►O xurado elixirá entre oito iniciativas
Os rapaces foron os protagonistas da xornada de onte.
photo_camera Os rapaces foron os protagonistas da xornada de onte.

Coñecer como poden filtrarse augas residuais mediante plantas macrófitas para o seu uso en regos ou lavados, saber que nin a laranxa é a froita con máis vitamina C nin o seu zume perde propiedades de xeito inmediato ou amosar como unha serie de fotografías reproducen estereotipos de xénero, tal como explicaron, de xeito maxistral, Alfredo e Ayman, do CEIP Froebel.

Estas son algunhas das investigacións que se deron a coñecer na Escola de Enxeñaría Forestal, pero non da man dos investigadores da Universidade, senón dos escolares de Primaria que presentaron os resultados dos proxectos que desenvolveron ao longo dos últimos meses no marco do proxecto Pontenciencia, promovido polo Concello xunto coa Universidade de Vigo.

"A experiencia é moi enriquecedora. O máis interesante é que o alumnado traballa dunha forma práctica"

Pontenciencia, que está financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), ten como obxectivo central espertar nos nenos o interese pola ciencia. Nesta edición contou cuns 300 alumnos de oito centros da cidade que presentaron 18 experimentos. Un xurado elixirá os mellores.

O alumnado dos CEIP San Bieito de Lérez, Príncipe Felipe, Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel e Ponte Sampaio, do CEP Marcos da Portela e do Centro de Educación Especial Príncipe Felipe propuxo iniciativas como estudos sobre a electricidade das froitas, o comportamento de fluídos non newtonianos ou a fabricación de xabón a partires de aceites esenciais extraídos das plantas, e fíxoo ante escolares dos outros centros.

Así mesmo, tamén recibiron explicacións de primeira man o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Educación, Carmen Fouces, que realizaron un percorrido acompañados do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; e a subdirectora e o secretario da EE Forestal, Ángeles Cancela e Juan Picos. "Da gusto ver a toda esta xente aquí", recoñecía Picos. A iniciativa permite que os nenos de Primaria "vexan a Universidade e a EE Forestal como un sitio no que desenvolver as súas inquedanzas científicas".

Nesa mesma liña, o vicerreitor salientou Pontenciencia como "unha oportunidade para que os cativos coñezan a Universidade e as súas instalacións, que para nós como docentes é tamén unha experiencia moi positiva", en alusión a participación nos comités científicos e no xurado de docentes das diferentes facultades e escolas do campus, da Escola Universitaria de Enfermaría e do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar.

OITO MESES. "É o terceiro ano que vimos e a experiencia é moi enriquecedora. O máis interesante é que o alumnado traballa dunha forma práctica e comparte experiencias con outros nenos que están facendo o mesmo", salienta Sergio Meis, profesor do CEIP Ponte Sampaio e alumno, á súa vez, de Ciencias da Educación e do Deporte, quen acompañaba a un grupo de nenos dispostos a refutar, con diferentes máquinas, a idea do movemento perpetuo. Nese senso, Meis puña o acento na motivación e no traballo en grupo como dous dos aspectos máis positivos desta inciativa, como fixo tamén María Victoria Calvo, do CEIP Marcos da Portela, quen incidiu en que o que amosaba a rapazada do centro era o resultado "de oito meses de traballo" por parte de 66 alumnos, que traballaron en diferentes grupos na busca de métodos físicos e biolóxicos de depuración de augas. "Para eles é moi positivo, xa que aprenden como o que len nos libros se aplica na práctica", salientou.

Ao mesmo tempo, os escolares tamén puideron gozar nesta xornada das múltiples actividades que complementaban a presentación de proxectos nesta feira, como obradoiros de fabricación de obxectos con impresoras 3D empregando a pataca como fonte de enerxía, de experimentación con música electrónica ou sobre un achegamento sensorial á illa de Sálvora. A EE Forestal acolle tamén a exposición Mulleres Faro, que busca achegar aos nenos e nenas ás traxectorias de científicas, escritoras ou artistas.

Comentarios