miércoles. 23.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 23.06.2021
El tiempo

Peregrinus contra a fame

Un momento do servizo de onte ao mediodía no local pontevedrés. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Peregrinus
Un momento do servizo de onte ao mediodía no local pontevedrés. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O restaurante pontevedrés é o único da capital da provincia adherido a unha campaña de Acción Contra el Hambre na que participan máis de 1.300 locais de toda España ▶ Ata o 15 de novembro destinará o 10% de dous dos seus pratos a combater a desnutrición infantil

Polbo con lagostinos e bacallau á portuguesa. Ata o 15 de novembro, cada vez que un cliente do restaurante Peregrinus de Pontevedra (Rúa Filgueira Valverde) pida un destes pratos, o 10% do seu custe irá destinado a combater a desnutrición infantil. É así porque o local é o único da capital da provincia adherido á unha iniciativa da ONG Acción Contra el Hambre, na que participan máis de 1.300 establecementos de toda España e que apadriña o chef con tres estrelas Michelin Quique Dacosta.

Tino Cousiño, xefe de asla do restaurante Peregrinus
"Do que se trata con todo isto, en definitiva, é de axudar a facer un mundo máis solidario"

"Do que se trata con todo isto, en definitiva, é de axudar a facer un mundo un pouquiño máis solidario", explica o xefe de sala do Peregrinus, Tino Cousiño. "Este é o noso pequeno gran de area".

A que se está a celebrar é a décima edición desta iniciativa solidaria, Restaurantes contra el hambre, que reúne a todos os participantes na denominada Guía de restaurantes buenos, que se pode consultar na páxina web da ONG. Ademais do Peregrinus de Pontevedra, tamén están outros establecementos da provincia como o de Yayo Daporta (Cambados) ou o restaurante Especia do Parador de Baiona.

Os cociñeiros Susi Díaz (La Finca, Top Chef) e Adolfo Muñoz (Palacio de Cibeles) foron os encargados de presentar a iniciativa a mediados de setembro en Madrid. "Esta guía llega para cambiar el mundo de la gastronomía. Puede cambiar la forma en la que valoramos los restaurantes", sinalaba a cociñeira. "Todos deberíamos querer estar aquí".

PRIMEIRA VEZ. "Para nós é a primeira vez", indica Tino Cousiño, do Peregrinus. "Pero gustaríanos repetir. Porque só hai que botar unha ollada arredor para decatarse de que existe moita necesidade entre a xente. Non só en países en vías de desenvolvemento, aquí ben preto tamén hai familias con problemas. Participar nunha iniciativa como esta é a nosa forma de colaborar a loitar contra a fame".

Para o xefe de sala do local pontevedrés, agora, o único que fai falta é que a xente se anime a pedir os pratos. "Por agora poucos clientes se interesaron pola iniciativa, pero agardamos que pouco a pouco se vaia coñecendo máis e se animen a vir por aquí a preguntar pola proposta. Do que se trata é de, entre todos, axudar a facer un mundo mellor".

Para participar na campaña e entrar na Guía de Restaurantes Buenos hai que chamar ao teléfono 606829975 ou inscribirse en www.restaurantescontraelhambre.org.

Segundo datos facilitados pola ONG Acción Contra el Hambre, dende o ano 2010, preto de 7.500 restaurantes de toda España se teñen adherido a Restaurantes contra el Hambre, achegando 1,2 millóns de euros. Segundo as súas estimacións, "esta cuantía ha permitido salvar la vida de 30.000 menores con desnutrición".

Peregrinus contra a fame
Comentarios
ç