O 80% do persoal do campus participou nos test masivos PCR sobre saliva

Os resultados coñeceranse nas próximas horas e, no caso de confirmarse algún positivo, seralle comunicado á persoa afectada
Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. DAVID FREIRE
photo_camera Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. DAVID FREIRE

O persoal da Universidade de Vigo participou esta semana masivamente na realización dos test masivos PCR sobre saliva, unha resposta que dende o equipo de goberno foi valorada como "tremendamente positiva", segundo informou o Duvi.

En total foron 2.303 os traballadores e traballadoras que o martes se achegaron ás conserxarías dos seus centros para entregar as probas, o que supón un 79,1% das persoas convocadas. "Son datos que amosan que o noso persoal está preocupado pola situación sanitaria que estamos a vivir e que é tremendamente responsable", explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez.

A participación rexistrada foi moi similar nos tres campus. No caso de Vigo estaban chamadas a realizar as probas 1.929 persoas e, finalmente, entregaron os kits 1.538, un 79,7% do total; en Ourense entregaron os tubos 441 persoas dun total de 578 (76,3%) e, en de Pontevedra 324 de 403, acadando neste caso o 80,4% de participación.

ALUMNADO. O persoal do parque móbil recolleu as caixas coas mostras para trasladalas ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se procedeu ao seu procesado. Os resultados coñeceranse nas próximas horas e, no caso de confirmarse algún positivo, seralle comunicado á persoa afectada.

Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado.