As persoas con discapacidade auditiva poderán "sentir" o concerto de Rozalén

O Concello de Nigrán cede cinco mochilas vibratorias a Pontevedra cunha novedosa tecnoloxía que permite que os festivais e espectáculos sexan accesibles ás persoas xordas
Mochilas2
photo_camera As mochilas. CONCELLO DE NIGRÁN

O alcalde de Nigrán, Juan González, entregou este martes ao Concello de Pontevedra as cinco mochilas vibratorias coas que conta de xeito pioneiro en Galicia co obxectivo de que as persoas xordas poidan "sentir" o concerto de Rozalén este martes á noite. O Concello de Nigrán fai este préstamo despois de que algunhas das persoas xordas que as estrearon este sábado no Chan de Folk fixera a petición expresa. "Rozalén ademais conta con intérprete de lingua de signos nos seus espectáculos, polo que estamos encantados de facer este préstamo ao Concello de Pontevedra porque sabemos que hai moitas persoas interesadas en usalas", sinalou o alcalde ante a presencia Paloma Castro, responsable de Benestar do Concello de Pontevedra. Ademais, a responsable de Entresignos Miriam Aller e colaboradora do Concello de Nigrán, será a responsable de asesorar as persoas xordas que as empreguen.

Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e agora é Nigrán o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto, sendo o festival Chan de Folk do sábado pasado con Roi Casal o punto de partida. A adquisición, cun investimento de 10.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal Un Nigrán para todos co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

Os equipos van estar dispoñibles para persoas xordas que queiran probalos co concerto de Rozalén. O punto de encontro será na porta do Concello, na Praza de España

"Dende o Concello de Nigrán estamos a promover e fomentar a cultura que ata agora non era accesible ás persoas xordas; queremos que os nosos festivais sexan inclusivos e esta nova tecnoloxía abre moitos camiños, polo que estamos moi satisfeitos de facer este investimento prioritario para noso xeito de entender a política”, sinalou durante a presentación en Pontevedra Juan González."Dentro duns anos estou seguro que estas mochilas serán unha medida de accesibilidade obrigatoria para os concertos, igual que agora existe unha normativa arquitectónica á hora de deseñar espazos públicos", engadiu.

As diferentes vibracións que transmiten esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. As mochilas poden ir cargadas á espalda ou no peito e permiten que o usuario se poida desplazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

Estos volverán estar a disposición dos interesados nos demais eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a sua presenza facilite a accesibilidade.

Comentarios