As persoas con discapacidade intelectual piden unhas eleccións fáciles de entender

O colectivo activa a campaña O Meu Voto Conta para sensibilizar aos partidos da necesidade de contar cunhas eleccións accesibles
Unha persona vota nas eleccións municipais de 2019. JOSE LUIZ OUBIÑA (ADP)
photo_camera Unha persona vota nas eleccións municipais de 2019. JOSE LUIZ OUBIÑA (ADP)

Contar con programas adaptados a lectura fácil, colexios electorais coa sinalización adecuada, ou mensaxes máis comprensibles, son algunhas das principais reivindicacións do colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento para este ano electoral, co obxectivo de garantir o dereito á participación na vida política de todas as persoas, sen discriminación.

No ano 2018 a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados daba luz verde ao texto definitivo sobre a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral, mediante a cal se activaba o dereito ao voto de 100.000 persoas inhabilitadas para o mesmo por sentenzas de modificación da súa capacidade. Con esta reforma, atendíase unha demanda histórica de organizacións da discapacidade como Plena inclusión, ao tempo que se avanzaba no cumprimento da Convención da Onu sobre Dereitos de persoas con discapacidade ratificada por España.

Pero agora que todas as persoas con discapacidade intelectual viron recuperado o seu dereito ao voto, non o están podendo exercer en igualdade de condicións, dada a falta de accesibilidade cognitiva que afecta ás diferentes fases do proceso electoral.

Por este motivo, o colectivo activa novamente a campaña O Meu Voto Conta para sensibilizar aos diferentes partidos políticos da necesidade de contar cunhas eleccións accesibles e fáciles de entender para todos os cidadáns.