Pesas, caixas de cambio e móbiles, 'botín' no retorno da limpeza ó Gafos

Vaipolorío iniciou a súa tradicional campaña retirando arredor de 110 kilos de lixo ao longo de tres camiños no río
Dous voluntarios de Vaipolorío limpando o río Gafos. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Dous voluntarios de Vaipolorío limpando o río Gafos. BEATRIZ CÍSCAR

Con esta onda de calor o que máis apetece son as actividades na auga e aínda mellor si se pode combinar cunha actividade con responsabilidade ecolóxica. Este foi o caso dos 20 voluntarios que acompañaron na xornada de onte a Vaipolorío na súa tradicional campaña de limpeza de lixo no río dos Gafos.

Este ano, por outra parte, a agrupación ecoloxista cumpre 22 anos dende a súa primeira recollida e a pesar de todo o tempo transcurrido, non deixa de asombrarse polos achados no caudal que desemboca na ría de Pontevedra.

"Recollimos arredor de 110 kilos de lixo en total e o que máis nos chamou a atención foi retirar unha caixa de cambios, un voluminoso cono de sinalización, discos de pesas de ximnasio e, incluso, teléfonos móbiles ou roupa", indicou o presidente do colectivo medioambiental, Gonzalo Sancho, que engade que "non sei como poden acabar estas cousas aquí".

A NATUREZA RECUPÉRASE. Non todo é malo e aínda que "pareza unha tolemia", a falta de chuvias no río facilitou a recuperación de fauna e flora do lugar. "Non percibo moito cambio das persoas, pero si do río", afirma Sancho facendo alusión á ironía da situación.

"Caparazóns das libélulas, espigas de auga e lentellas de auga" foron a gran sorpresa da xornada, pois son "indicadores de bo nivel de saúde do río". Tras 22 anos estudando o río, xa empeza a amosar "tímidamente" cambios que confirman que o traballo feito é "agradecido" e que "a capacidade de rexenaración da natureza é impresionante".

Sancho, facendo unha aperta a esta idea, anima ao Concello a recuperar o afán de destapar o tramo soterrado polo cemento xa que é "evidente" que é posible unha recuperación do tramo ata o seu estado máis primitivo.

Comentarios