Oito pezas audiovisuais divulgarán a historia de Pontevedra

Os vídeos parten dunha unidade didáctica creada por Taller Abierto para os centros de ensino e xa se poden visualizar na rede
Xaquín Moreda na presentación deste mércores. ANXO LORENZO
photo_camera Xaquín Moreda na presentación deste mércores. ANXO LORENZO

O edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou este mércores unha nova proposta para dar a coñecer a historia de Pontevedra a través de oito pezas audiovisuais. O concelleiro lembrou que un dos obxectivos que ten a súa área é este, mais logralo entre un público diverso e amplo. Así, e como exemplo práctico, no seu día xa fora ideado un videoxogo chamado Ponte Veteri, que propoñía un roteiro circular diferente e con base na tecnoloxía polo casco histórico da cidade centrado nas confrarías e na concesión do Foro a Pontevedra.

Así, pensando na xente nova e na rapazada, o Concello tamén presentara hai uns meses unha unidade didáctica dirixida aos colexios de Pontevedra, na que se serviría de material explicativo para aula ao facer un repaso da historia da idade a través da arquitectura e da trama urbana. Esta unidade partía da lenda do Teucro ata a actualidade, pasando polo asentamento romano ou o porto medieval.

Así, agora o material deste documento didáctico creado por Taller Abierto, foi reutilizado e reciclado, retomando esa idea promovida polo Concello da economía circular de aproveitamento ao máximo dos recursos, para crear un novo formato audiovisual, con oito pezas de curta duración que "dunha maneira sinxela explican a historia da nosa cidade e serven de complemento á nomeada unidade didáctica".

Son unha serie de vídeos cunha duración aproximada de dous minutos, locutados, e que recollen diferentes épocas ou poñen a súa atención en períodos concretos: 

1. Rexurdimento urbano: o nacemento de Ponte Veteri.

2. Convento de Santa Clara: da vida en clausura á apertura á cidadanía.
3. As prazas: os baleiros da trama urbana medieval.
4. A Moureira: o barrio mariñeiro
5. Santa María: un proxecto dos Mareantes.
6. A ponte: de Turoqua a Boa Vila.
7. Sesmero: a transformación da Pontevedra medieval
8. Século XXI: da orixe á actualidade.

 

As pezas xa poden xa ser visualizadas ou descargadas desde YouTube, na canle oficial do Concello de Pontevedra, se ben, seguindo as palabras de Moreda, a idea é crear unha páxina de seu onde estarán dispoñíbeis na ligazón: https://ponte.gal/historiadaformaurbana. Nesta páxina tamén estará colgada a unidade didáctica, como un recurso base, para que o profesorado da cidade poida levar a historia e o urbanismo da Boa Vila até as aulas dun xeito amábel e didáctico.

Comentarios