A Fiscalía pide penas que suman 4 anos e 3 meses de prisión para un home, R.P.L., que supostamente vulnerou unha orde de afastamento da súa parella, coa que discutiu e á que propinou unha puñada na boca. Por estes feitos será xulgado este xoves na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Segundo o escrito de acusación pública, o procesado tiña en vigor unha orde de afastamento da súa parella, emitida por un xulgado de instrución de Lalín (Pontevedra). A pesar da prohibición, R.P.L. acudiu o 15 de marzo de 2014 a casa da súa parella e convenceuna para iren xuntos a cear a casa duns amigos.
Despois desa cea, ambos discutiron e o home, con ánimo de menoscabar a integridade física da súa parella, propinoulle unha puñada na boca. Como consecuencia do golpe, a vítima sufriu varias lesións, perdeu tres pezas dentais e tivo que ser sometida a cirurxía maxilofacial no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Por estes feitos, a Fiscalía considera a R.P.L. autor dun delito de quebrantamento de condena e outro de lesións agravadas, e pide para el penas que suman 4 anos e tres meses de cárcere. Ademais, solicita que se lle impoña unha orde de afastamento da súa parella por 5 anos.
Así mesmo, reclama que indemnice á vítima en 3.021 euros polos danos e as secuelas, e que lle pague os gastos derivados de repor as pezas dentais; tamén deberá indemnizar ao CHUS polos gastos da atención sanitaria.