Piden que os fondos da UE cheguen ás vilas para mellorar o espazo público

Os expertos da Facultade Ágora reclaman que os 'Next Generation' non vaian só a grandes urbes
Intervención de Carlos Moreno, por videoconferencia, na Facultade Ágora. DP
photo_camera Intervención de Carlos Moreno, por videoconferencia, na Facultade Ágora. DP

Os expertos Carlos Moreno, Isabela Velázquez e Rubén Camilo Lois reclamaron onte na Facultade Ágora da Deputación que o financiamento europeo chegue de maneira capilar e directa aos concellos máis pequenos (e non só ás grandes urbes e ás empresas) para que tamén as pequenas vilas poidan reconstruír os seus equipamentos e xerar "espazos de vida" nos que reactivar tanto a socialización como a economía. De feito, a utilización dos fondos europeos Next Generation de reconstrucción trala pandemia para que cidades e vilas poidan mudar o seu deseño e permitir unha mellor calidade de vida foi un dos eixos sobre os que xirou o debate na iniciativa pedagóxica da Deputación, na que tamén se puxo de manifesto a necesidade de crear vilas con proximidade de servizos. Xunto aos demais expertos, o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, subliñou que no Goberno provincial hai unha grande preocupación porque os fondos europeos estean limitados a cidades de máis de 50.000 habitantes. "Con ese plantexamento exclúese unha parte da realidade. Cando estamos en Madrid cumprimos cos 10.000 pasos que nos aconsellan ao día polas longas distancias que estamos obrigados a facer camiñando. Cando estamos nas nosas vilas movémonos maioritariamente no coche para todo, non chegamos aos 2.000 pasos. Aí, nas vilas, e non só onde hai moita xente, hai tamén un problema real", expuxo o deputado.

A urbanista especializada en urbanismo ambiental Isabela Velázquez tamén puxo sobre a mesa que o grande reto é que as institucións, forzadas pola sociedade, sexan capaces de que os investimentos europeos estean vencellados aos concellos e entidades locais para mellorar a rede de espazos públicos e equipamentos.

Comentarios