Pilar Comesaña, Miguel Anxo Fernández e Gerardo Lorenzo pasarán por 'Conversas na Uvi'

Os xornalistas Serafín Alonso, Chus Gómez e Rafa Cabeleira serán os encargados de conducir as próximas charlas do ciclo que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e Universidade de Vigo

Pilar Comesaña. DP
photo_camera Pilar Comesaña inaugurará este novo ciclo de 'Conversas na Uvi' cunha charla co xornalista Serafín Alonso. DP

Da man de Pilar Comesaña e de Serafín Alonso comezará o ano 2019 Conversas na Uvi, o ciclo de encontros abertos ao público que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e Universidade de Vigo. Será o martes 29 de xaneiro cando a concelleira de Sanidade Animal e de parroquias como Campañó, Pilar Comesaña, manteña unha charla co xornalista especializado en información municipal, Serafín Alonso. A proposta (que ten un carácter especial porque a entrevistada é unha das habituais ao ciclo, no que soe participar como público) mantén o lugar e a hora de sempre: Casa das Campás, 20.00 horas (entrada libre).

A de Comesaña e Alonso dálle continuidade ás conversas da quinta edición deste foro, que comezou no mes de outubro con Ramón Rozas, coordinador da proposta, entrevistando ao director e fundador da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros, e continuou co columnista Rodrigo Cota falando co candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, en novembro, e coa xornalista María Varela fronte á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en decembro.

Tras a charla de xaneiro, Conversas na Uvi seguirá o mes que vén cun encontro entre a xornalista do Diario de Pontevedra especializada en ensino Chus Gómez e o profesor da Facultade de Ciencias Sociais, novelista e crítico de cine Miguel Anxo Fernández. Entre outras cousas, Fernández é autor dunha serie de novelas de xénero negro protagonizadas polo detective Frank Soutelo. Esta charla terá unha lixeira variación con respecto ás outras, que acostuman a ser o último martes de cada mes. No caso de Gómez e Fernández, o encontro terá lugar o xoves 28 de febreiro.

MARZO. Os encargados de pechar o primeiro trimestre de 2019 serán o columnista Rafa Cabeleira, que entrevistará a Gerardo Lorenzo. O empresario e promotor forma parte dunha das sagas familiares de máis sona de Pontevedra. Entre outras cousas, Lorenzo é sobriño do editor falecido Sabino Torres e irmán do actor Francis Lorenzo e do produtor cinematográfico e empresario teatral José Manuel Lorenzo. A súa charla terá lugar o 26 de marzo.

"O noso obxectivo é o mesmo co que se puxo a andar este ciclo: abrir ao público un encontro entre xornalistas do Diario e persoas de Pontevedra, ou vinculadas á cidade, relevantes no seu ámbito, pero ás que moitas veces non é sinxelo escoitar ou coñecer fóra do seu, digamos, ecosistema", explicaba Ramón Rozas á hora de poñer en marcha a edición deste curso de Conversas na Uvi. "Aquí do que se trata, a través dun formato distendido, é de descontextualizar a estes personaxes e que se sintan cómodos para falar tanto da súa vida como da súa profesión, pero dende un punto de vista menos oficial".

Para o coordinador da proposta, "outra finalidade importante de Conversas na Uvi é conseguir que se achegue xente para escoitar a estas persoas, porque escoitar é o verbo clave desta iniciativa". Segundo di, o ciclo púxose en marcha como contrapunto a un momento de gran ruído mediático, hai cinco anos, que el consideraba concreto. "Eu pensaba que ía pasar, pero o que semella é que vai á máis. Escóitanse voces e voces sen parar que non acaban de dicir nada. Nós o que queremos é precisamente o contrario: sentar con calma a escoitar falar a alguén".

...AXENDA
29 de xaneiro ►O xornalista Serafín Alonso falará coa concelleira de Sanidade Animal, Pilar Comesaña.

28 de febreiro ►A xornalista Chus Gómez charlará co mestre, escritor e crítico Miguel Anxo Fernández.

26 de marzo ►O trimestre rematará co columnista Rafa Cabeleira conversando co promotor e empresario Gerardo Lorenzo.

 

Comentarios