Pinto e Maragota volverá á rúa "en canto sexa posible" para loitar contra a LGTBIfobia

A concelleira de Igualdade insta á veciñanza a continuar "en pé de guerra" contra quen "odia e nega a diversidade sexual e de xénero"
Unha actividade de Pinto e Maragota en setembro de 2019. ARQUIVO
photo_camera Unha actividade de Pinto e Maragota en setembro de 2019. ARQUIVO

O programa municipal Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade para visibilizar a diversidade LGTBI e loitar contra a LGTBIfobia, retomarase nas rúas "en canto sexa posible", segundo anunciou este domingo nun comunicado a edil Paloma Castro. Así mesmo, instou á veciñanza a continuar "en pé de guerra contra todos aqueles que odian e negan a diversidade sexual e de xénero" e a "manter a LGTBIfobia en confinamento para sempre".

A socialista aproveitou que se celebraba o Día Mundial contra a LGTBIfobia para anunciar o retorno de Pinto e Maragota, con vermús e accións reivindicativas e de sensibilización na rúa "en canto sexa posible, adaptándose ás restricións derivadas da situación sanitaria". Castro asegura que Pontevedra "é unha cidade na que as ideoloxías heterosexistas e negacionistas da liberdade sexual e de xénero non teñen cabida nin serán xamais toleradas, a pesar do denodado esforzo implícito e explícito dalgunhas formacións políticas en que non sexa así".

É por iso que a Concellería de Igualdade seguirá "apoiando á comunidade LGTBI e combatendo as fobias alentadas pola caterva reaccionaria contra as súas siglas".

Esta loita, engade, "ten a máxima vixencia e é absolutamente necesaria", tal e como amosaron os "tristes datos" da enquisa sobre LGTBIfobia que o seu departamento desenvolveu entre o alumnado dos institutos do municipio. A sondaxe revelou que un 24% dos estudantes LGTBIQ+ admitiu ter sufrido agresións físicas ou verbais pola súa orientación ou identidade e que un 25% dos 893 enquisados presenciaron agresións a persoas LGTBIQ+ nos seus centros educativos. Ademais, un 8,2% aínda pensa que a homosexualidade se pode tratar cunha terapia axeitada.

CIDES. A concelleira de Igualdade subliñou "os importantes pasos adiante" que o seu departamento impulsou durante os últimos meses coa celebración do II congreso A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas. Materia pendente, a organización do I Premio Literario Pinto e Maragota (en colaboración don Edicións Xerais) e a posta en marcha do pioneiro Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (Cides), coordinado pola activista trans Ada Otero.

Paloma Castro cualifica de "brincadeira macabra" que "os mesmos homófobos, tránsfobos e bífobos que puxeron tódolos atrancos posibles ás lexislacións progresistas que recoñecen a unión entre persoas do mesmo sexo ou os dereitos das persoas trans, se atrevan agora a acusar á esquerda de odiar ás persoas homosexuais. As dereitas —afirma— perderon calquera tipo de lexitimación para empregar esas palabras".

Así mesmo, reclama que "se desterren as discriminacións e os pensamentos monosexistas, monosexuais e binarios dentro do propio movemento LGTBI, como acontece con certas correntes pseudofeministas".

Comentarios