miércoles. 03.03.2021 |
El tiempo
miércoles. 03.03.2021
El tiempo

O pirata Escarapote di adeus ó Pazo

María Campos e Carlos Yus, de Migallas, recollendo o Pirata Escarapote do Pazo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
María Campos e Carlos Yus, de Migallas, recollendo o Pirata Escarapote do Pazo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Logo de 20 anos impartindo "A procura do tesouro" no Pazo da Cultura, Migallas baleirou as instalacións e, aínda que agardan volver coa súa actividade en abril, pechan unha etapa

OS corredores do Pazo da Cultura están máis silandeiros que nunca. Se cadra porque desde marzo do ano pasado non hai nenos bulindo por eles. Tampouco a cabeza do famosísimo pirata Escarapote asoma xa polas ventás do Pazo da Cultura como viña facendo os últimos anos. E é que os responsables de Migallas, María Campos e Carlos Yus, baleiraban onte a petición do Concello as instalacións que viñeron empregando nos últimos vinte anos para dar vida ós obradoiros de expresión dramática, plástica e musical de "A procura do tesouro". Arredor de 3.000 nenos e nenas de entre catro e dezasete anos pasaron nestas dúas décadas pola actividade na que tiveron a oportunidade de subirse por primeira vez a un escenario ou achegarse a artistas de todos os tempos entre a música o xogo e o humor.

Enormes murais, traballos dos nenos e nenas que enchían estes obradoiros, o boneco do pirata Escarapote, o Espantallo divertido e a galiña Pepa, o loro ou a eiruga amiga dos pequeniños xa deixaron as dependencias. Co corazón encollido, María e Carlos metían onte todo na súa furgoneta. Hoxe rematarán o traballo. "Teríanos gustado entregar ós rapaces ós seus traballos pero a pandemia non nos permite convocar a ninguén", subliñou. "Aquí hai vida de moitos anos", engadiu emocionada María Campos, que atesoura lembranzas da cativada que recibía cada semana no hall do Pazo a ritmo de pandeireta. "Era como saltar ó escenario, ti abrías a porta e daba igual o que che doese", confesa.

Do éxito da actividade que despide o Pazo dan fe as longas colas que se formaban para anotarse cada setembro ás portas do recinto feiral ata que se pasou á inscrición online, e o feito de que cada semana lle pregunten ós integrantes de Migallas cando volverán. "Agora a cousa non é doada co coronavirus, pero nós xa temos moitas ideas para volver con seguridade", engadiu. Co gallo da crise sanitaria o Concello decidiu non celebrar os obradoiros do Pazo este curso, pero non se descarta que en abril se poidan levar a cabo de novo as actividades. "O que aquí tiñamos remata", di María Campos. "Haberá outra cousa, pero polo de agora non poderá ser o mesmo".

ESPAZO PARA OS NENOS. Os integrantes de Migallas reivindican o Pazo como o lugar para desenvolver esta actividade creativa coa rapazada. "É amplo, ten un aparcadoiro cómodo que permite ás familias parar un momento e deixar ós rapaces, e tes o Salón do Libro, Culturgal e as exposicións tan preto que se dan momentos marabillosos". Lembra a actriz o taller que fixeron o ano pasado xunto a Álex Vázquez e Amelia Palacios, que protagonizaban a exposición "Na beira do río", ou os encontros con distintos autores. "E logo o persoal do Pazo. Cando Paco nos abría para os ensaios ou nos deixaban reciclar o material que sobraba. Ademais tes o escenario. Nós cremos, como di Tonucci, que no Pazo tamén debe haber un espazo para os nenos".

Os obradoiros de A procura do tesouro, ó igual que os de A hora do conto de Pavís Pavós celebráronse en galego. "Son unha ferramenta para conseguir que os rapaces sexan o que queiran ser, que se poidan expresar e dicir o que senten. Pódenche valer para ser felices agora e mañá", subliña María.

Pintar os anos escuros de Goya con chocolate, ou a Capela Sistina baixo unha mesa ou coñecer a creadoras como Yayoi Kusama, protagonizar obras de teatro como O pano da avoa, que mesturan a historia e o amor polos avós, descubrir a Castelao... son só algunhas das actividades que distintas xeracións de rapaces viviron en "A procura do tesouro" da man de Tamara, Sagüillo, Leti, Esme ou Carmela. "O último que estabamos traballando era Hundertwasser, un artista que defendía o dereito de ventá e dicía que as árbores tiñan que ser un inquilino máis do edificio, mira ti que razón tiña", conclúe María.

O pirata Escarapote di adeus ó Pazo
Comentarios
ç