As piscinas de Campolongo permanecerán pechadas desde o 1 de abril ata o 30 de setembro

Durante a reforma, os 42 postos de traballo someteranse a un Ere de seis meses e ingresarán o 100% do salario actual

Entrada de las piscinas de Campolongo. DAVID FREIRE-019
photo_camera Entrada ás piscinas de Campolongo. DAVID FREIRE (ARCHIVO)

A reforma das piscinas de Campolongo comezará o vindeiro 1 de abril e a previsión de remate é o 30 de setembro, para abrir ao público o 1 de outubro.  Estes foron os acordos acadados na reunión que mantiveron este venres o Concello de Pontevedra coa empresa adxudicataria da xestión das piscinas Serviocio-Beone,

O proxecto definitivo da reforma xa se atopa nas dependencias de arquitectura do Concello e está sendo estudado polos técnicos. Unha vez revisado, terá que ser aprobado pola Xunta de Goberno Local.

Ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil.

Paralelamente, a empresa adxudicataria xa ten asinado un acordo coa empresa deportiva Tablero, situada no polígono industria da Reigosa, para ofrecer alternativas para a práctica deportiva a todos os usuarios que o soliciten. Estes gozarán dunhas condicións especiais durante o tempo que adestren alí. Ademais, está contemplado nos pregos da adxudicación da reforma das piscinas, que unha vez que entre en funcionamento as novas instalacións, terán preferencia os actuais usuarios, que retornarían sen ter que abonar unha matrícula previa.

SITUACIÓN LABORAL. Os 42 traballadores da instalación deportiva someteranse a un Ere por un período máximo de seis meses, e seguirán cobrando o 100% do salario durante este período.

Está previsto que as piscinas abran ao público o 1 de outubro

A incorporación dos traballadores será paulatina durante eses seis meses de paro laboral, unha vez que se vaia avanzado nas obras.  Por exemplo, está previsto que primeiro se poñan ao fronte os directivos da instalación ao igual que o persoal de mantemento que terá que incorporarse antes dos 6 meses programados.

O investimento previsto para estes 20 anos de concesión é de 34 millóns de euros. E a intervención suporá unha transformación das instalacións actuais para acondicionalas ao século XXI. Farase unha remodelación total do complexo deportivo e só quedará a superficie da lámina de auga. Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gañarase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa.

Tamén se incorporarán e mellorarán servizos como ludoteca, a área de fisioterapia completarase con nutrición, e haberá máis salas para fitness e actividades deportivas pasando de 4 a 9.

Serviocio-Beone presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros.

Comentarios