Un plan de 85.000 euros para recuperar a vida cultural nas rúas e nos bares

O Concello financiará actividades culturais na hostalaría tras o estado de alarma
Actuación do programa Cabos Soltos previa á pandemia. GONZALO GARCÍA
photo_camera Actuación do programa Cabos Soltos previa á pandemia. GONZALO GARCÍA

Música en directo, monólogos ou actividades infantís para dinamizar a vida cultural na cidade. Son algúns dos eventos que o Concello de Pontevedra financiará a partir do próximo mes de maio coa finalidade de fortalecer á hostelería e á cultura de base na vila. Farao a través do programa Cabos Soltos, enmarcado no plan de recuperación da crise Supera 21, destinando unha partida de 85.000 euros a este fin. "Como dicimos sempre, esta é unha cantidade inicial que poderá ampliarse se fose preciso", explicou este miércoles a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, que definiu a iniciativa como "un chanzo máis do Plan Supera". 

Gulías salientou a intención do Goberno local de manter un estrito control sanitario, primando sempre o cumprimento das medidas e restricións que requira a situación epidemiolóxica, pero coa intención de comezar a programar actividades culturais en canto a pandemia o permita.

O proxecto Cabos Soltos existía xa antes da crise pola covid-19 para dinamizar a vida cultural facilitando aos establecementos hosteleiros a contratación de grupos musicais. Agora volve vencellado á recuperación económica coa novidade de que as actividades serán pagadas por completo polo Concello de Pontevedra. Neste sentido, á espera de coñecer a evolución da pandemia e confiando na aceleración do proceso de vacinación, espérase que a partir de maio se poidan empezar a celebrar actividades culturais que dinamicen a vida nos establecementos hosteleiros, "pensando tamén no lecer nocturno", e nas rúas.

"A nosa finalidade é prolongar a época na que se celebran este tipo de eventos, a idea é comezar en maio, alongalo todo o verán, pero tratar de manter ese ambiente tamén nos meses de outubro, novembro e decembro", explicaba a concelleira Anabel Gulías na súa comparecencia. Esta é unha actividade que será extensible a toda a cidade de Pontevedra, máis alá da zona vella.

As actividades previstas non se limitan só ao ámbito musical, senón que o Concello financiará tamén exposicións, actividades infantís ou monólogos "para reestablecer a viveza nas rúas e nas prazas".

Xornadas técnicas para fixar estratexias
Outra das patas do programa Cabos Soltos é a celebración dunhas xornadas técnicas nas que se analizarán estratexias para o futuro de cara á recuperación da actividade na hostelaría e no lecer nocturno.
Serán na segunda quincena do mes de maio e nas mesmas analizaranse cuestións que cobraron actualidade tras a irrupción da pandemia da covid19. Abordaranse, por exemplo, os novos desafíos para as salas de concertos que buscan recuperar a actividade, a forma de reactivar as industrias culturais, o xeito no que avanza a dixitalización no ámbito cultural e en como isto encaixa cos locais de hostelaría.
Paralelamente á celebración destas xornadas, o Concello non descarta actividades como concertos, aínda que haberá que esperar para definilas debido a que será preciso coñecer os datos de contaxios. Do mesmo xeito, se a situación o permite, as xornadas serán presenciais.

Comentarios