O Plan Concellos da Deputación fixo posibles 750 obras e 2.007 novos empregos

O deputado de Economía, Carlos López Font, salienta que "agora os municipios reciben o que les corresponde e de xeito regrado"
Carlos López Font. DP
photo_camera López Font definiu o Plan Concellos como unha «ferramenta de éxito» para os alcaldes e as alcaldesas.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra financiou durante as anualidades de 2018 e 2019 un total de 748 obras na provincia de Pontevedra, fixo posible a realización de 461 actividades socioculturais nos concellos, ademais do pronto pago a provedores e, finalmente, significou a contratación de 2.007 persoas desempregadas para a xestión de servizos municipais. Os datos foron proporcionados polo deputado de Economía e Facenda, Carlos López Font, quen afirmou que o 90% da obra pública que se executou na provincia de Pontevedra nos municipios de menos de 50.000 habitantes neste período foi financiada pola Deputación principalmente a través do Plan Concellos e, en menor medida, polos plans extraordinarios de reequilibrio para compensar a situación dos que non tiñan recibido investimento provincial algún ata o ano 2015, data na que se produciu o relevo na Presidencia da institución. "O Plan Concellos converteuse na medida do éxito na xestión dos alcaldes e alcaldesas, porque boa parte do que se fai nun concello finánciase con este instrumento", salientou.

López Font compareceu para render contas das convocatorias conxuntas dos anos 2018 e 2019 e así destacou que no marco deste instrumento executáronse obras que melloraron a calidade de vida da veciñanza de toda a provincia en materia de infraestruturas, saneamento, abastecemento de auga, urbanizacións, pavimentacións rurais e mellora de edificios municipais. Ademais, adquiríronse bens e equipamentos polos concellos e realizáronse actuacións culturais, deportivas ou sociais. Fíxose o posible o cobro por parte de provedores que, doutro xeito, tardarían moito máis en ver satisfeitas as súas facturas e, finalmente, traduciuse na sinatura de máis de dous milleiros de contratos para persoas desempregadas.

O deputado subliñou durante a súa intervención que "dende que Carmela Silva é presidenta, os concellos reciben o que lles corresponde de xeito regrado". E engadiu: "O señor Louzán decidía, licitaba e contrataba a dedo, é dicir, por resolución presidencial; agora hai transferencias e a presidenta nin se inmiscúe nin decide as obras que realiza cada concello".

Destacou que a importancia do Plan Concellos non é só cualitativa, senón mesmo cuantitativa, pois en 2018 supuxo un investimento que superou nun 75% ao realizado no ano 2015, último Orzamento provincial aprobado polo Partido Popular co modelo Louzán. A diferencia creceu ata o 77,5% durante o ano 2019.

Recalcou tamén que dos 85,60 millóns de euros totais das dúas anualidades, 38,05 foron para os municipios de menos de 10.000 habitantes, que son os que máis recibiron. Os de entre 10.000 e 20.000 habitantes recibiron 29,4 millóns e, finalmente, entre os máis grandes, con máis de 20.000 habitantes repartíronse 18,15 millóns de euros. "Queda claro que o PP minte -dixo Font- cando di que se inviste menos nos concellos mais pequenos, porque é todo o contrario".

"Non hai ningunha alcaldesa ou alcalde (con independencia do signo político) que queira volver ao modelo de Louzán", concluíu antes de engadir que o PP "xa non quixo responder nos plenos de aprobación dos Orzamentos á pregunta sobre se defende recuperar o anterior modelo. E nós tampouco, porque o caciquismo combátese con equidade e transparencia, non con máis caciquismo".