Un plan de continxencia da Eoxi Pontevedra-Salnés prevé evitar as consecuencias máis graves da gripe

O obxectivo está en previr os picos, garantir un servizo rápido e informar e formar os vecinos

Un paciente recibe la vacuna contra la gripe. AEP
photo_camera Un paciente recibe a vacina contra a gripe. AEP

O xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, presentou esta mañá o Plan de continxencia da Gripe 2018-2019 que os profesionais deseñaron especificamente para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

Na rolda de prensa, o responsable da EOXI estivo acompañado pola directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruti Ferro, así como polos coordinadores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés, os doutores Javier García Vega e Manuel José Vázquez Lima, respectivamente, e dos xefes de servizo de Medicina Interna, Medicina Preventiva, Pneumoloxía e Microbioloxía, así como os xefes de servizo dos centros de saúde de Virxe Peregrina e A Parda.

O Plan de continxencia é un documento elaborado por un amplo equipo de profesionais de Pontevedra e do Salnés pertencentes a estes servizos, xunto con Pediatría, Admisión e Prevención de riscos laborais, co que se pretende evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e previr picos de demanda nos diferentes dispositivos de asistencias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Nel recóllense unha serie de obxectivos fundamentais entre os que figuran evitar as consecuencias máis graves debidas á infección, que se produzan abrochos, previr picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais da área sanitaria, prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento dos centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés, contemplar procedementos alternativos á orde normal de organización para mellorar a accesibilidade aos servizos de Urxencias, con redución dos tempos de acceso e estancia nos mesmos, e procurar paliar o risco de transmisión intrahospitalaria de gripe.

Formar e informar á poboación e aos usuarios do sistema sanitario é outra das finalidades do Plan de continxencia da Gripe 2018-2019. Neste senso, José Ramón Gómez fixo fincapé no importante que é “facer un uso racional dos recursos sanitarios, de maneira que aqueles casos menos complexos sexan asistidos máis preto dos seus domicilios, é dicir, nos Puntos de Atención Continuada ou nos centros de saúde, de maneira que os recursos hospitalarios se poidan preservar para aqueles casos dunha maior afectación”.

Comentarios