O Plan Revitaliza chegará á India da man da Fundación Vicente Ferrer

O obxectivo da Deputación é espallar alí o modelo de tratamento de residuos de quilómetro cero a través da compostaxe
Apertura da xornada celebrada no Pazo Provincial. DP
photo_camera Apertura da xornada celebrada no Pazo Provincial. DP

O modelo do Plan Revitaliza vai chegar á India. E farao grazas ao coñecemento que a Deputación vén de trasladar á Fundación Vicente Ferrer para aplicalo no programa Maana Bhoomi, unha iniciativa de cooperación grazas á que se facilitou vivenda a 34 familias rurais no distrito de Kurnool, e pola que agora se darán nocións de compostaxe para que estas xestionen os seus propios biorresiduos. O proxecto poderase estender no futuro a outros territorios nos que teña actividade a Fundación.

Esta expansión do modelo Revitaliza foi anunciada este martes na xornada organizada polo departamento da Deputación e a Fundación Vicente Ferrer, financiada da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, á que acudiron representantes de concellos galegos e tamén alumnado dos ciclos da Escola de Capataces Forestais de Lourizán.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, explicou que o intercambio de coñecemento é fundamental para que territorios con grande poboación como a India, nos que o nivel de consumo está aínda por desenvolver, non cometan os erros que xa se viviron noutros lugares durante moitos anos e que produciron que os residuos hoxe en día sexan posiblemente o maior problema do planeta, incluso comprometendo o seu futuro.

O proxecto poderase estender no futuro a outros territorios nos que teña actividade a Fundación

Segundo o nacionalista, no relativo aos residuos é preciso aplicar dúas máximas: que os residuos deben ser responsabilidade de quen os produce, e que estes, separados, son un recurso, pero mesturados para logo tratalos -como acontece nos países occidentais na actualidade- son un problema que ten mala e moi contaminante solución.

"Todos os residuos que se poidan tratar in situ na comunidade, que as persoas se fagan cargo e o ciclo se remate no mesmo lugar que se producen, convértense nunha riqueza. Sexa aquí, na India ou Thailandia ou EEUU os residuos hai que separalos e se non se separan son un problema monstruoso que no sur de Asia se multiplica pola súa elevada densidade de poboación", subliñou.

A delegada da Fundación Vicente Ferrer, María Moldes, explicou pola súa banda que o proxecto Maana Bhoomi permitiu a 34 familias na India —coas que se fixo unha conexión por zoom— dispoñer de vivendas dignas escrituradas a nome das mulleres, o que cambiou o seu rol na sociedade, e pretende desenvolver e mellorar iniciativas de compostaxe.

A India comezou traballar na xestión dos residuos partindo dunha concienciación nula da poboación

Apuntou que na India comezouse a traballar na xestión dos residuos e a concienciación ambiental da poboación porque se partía dunha concienciación nula nun lugar onde non hai infraestrutura: "O que se fai cos residuos é queimalos", dixo. Tamén destacou que "temos moito que aprender da Deputación de Pontevedra, que leva unha xestión de residuos exemplar co Plan Revitaliza. O noso obxectivo é ver como nos adaptamos para solucionar un problema global de maneira local e facer esa transferencia de coñecemento uns aos outros e construír un planeta máis sustentable para todos", finalizou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, abriu a xornada poñendo en valor o traballo desde o mundo local no establecemento de redes de cooperación á hora de abordar a Axenda 2030 da ONU, en concreto o ODS número 17 para a creación de alianzas no cumprimento destes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. "Falamos de proxectos que se están a desenvolver en lugares tan separados quilometricamente pero tan cerca desde o punto de vista dos valores que defenden", apuntou. "O Revitaliza é un exemplo a seguir e para a Deputación é enormemente importante seguir establecendo esa relación que estamos a facer con moitos lugares do mundo e que converte nunha referencia de boas prácticas", subliñou Silva.

Comentarios