O ciclo de conferencias organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra celebra este xoves día 11 a súa segunda xornada. Un dos ponentes será Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía e investigador do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC.
Cando falamos de enfermidades de orixe viral que se poden transmitir a través da inxesta de certos alimentos, de que virus ou de que enfermidades estamos a falar?
As que recoñece a OMS como principais son a gastroenterite producida por norovirus e a hepatite A, que está producida polo virus da hepatite A. Ambos son virus entéricos que se transmiten pola ruta fecal-oral, é dicir, elimínanse nas feces e despois podemos contaminarnos inxerindo alimentos ou auga contaminada con eles.
Son moitos os casos que se detectan destas enfermidades de transmisión alimentaria? E son graves?
A gastroenterite é máis habitual e non é tan grave. Salvo en casos moi puntuais de nenos, persoas moi maiores ou inmunodeprimidas, non ten por que dar problemas, máis aló de diarreas ou vómitos durante 24 ou 48 horas e probablemente non necesiten nin tratamento. A hepatite A si é unha enfermidade un pouco máis grave, pero en moitos países está incluída no calendario de vacinas e a poboación adoita estar protexida fronte a ela.
E cal é a maneira na que se produce a transmisión destas enfermidades por vía alimentaria? Como chegan os virus aos alimentos?
As feces dos individuos afectados conteñen eses virus. Esas feces van ás plantas de tratamento de augas residuais, que son moi efectivas para eliminar bacterias, pero non tanto para eliminar virus. Entón, dependendo dos tratamentos que teñan esas plantas, os seus efluentes poden conter virus que poden chegar á auga para regar os produtos vexetais ou á costa contaminando os moluscos bivalvos, que pola súa alimentación mediante filtración, poden concentrar os virus que haxa na auga. Un dos problemas é que tanto os vexetais -as froitas- como os moluscos adoitánse consumir crús ou moi pouco cociñados. Entón, ao non haber tratamento con calor ou ao ser este tan curto, non se inactivan os virus que poida haber nos alimentos e por iso se producen esas infeccións ao consumilos.
Os alimentos máis proclives para esa transmisión de virus son os vexetais e os moluscos que se consumen crus ou pouco cociñados?
Si. Nos últimos anos houbo bastantes casos tanto de gastroenterite como de hepatite A asociados á importación de froitos vermellos (amorodos, arandos, etc) porque, aínda que eses produtos se envían conxelados duns países a outros, os virus poden resistir ao proceso de conxelado e, no momento no que se desconxelan, estarían outra vez activos, con toda a súa potencialidade para infectar.
Os virus dos moluscos non se eliminan se estes pasan por unha depuradora?
As depuradoras de moluscos son moi efectivas para eliminar as bacterias e eliminan tamén unha parte dos patóxenos virais, pero o problema cos virus é que o número de particulas infectivas que se necesitan para producir unha enfermidade é moi baixiño. Por iso, no caso de que na depuración ou no cociñado sobreviva unha pequena proporción de partículas víricas, é suficiente para dar problemas. Non é o habitual, porque os produtos que chegan ao mercado, polo menos os producidos na UE, cumpren cuns criterios de seguridade alimentaria moi restritivos e estritos.
En Europa, en España, son suficientes os actuais controis de calidade na cadea de trazabilizade dos alimentos que consumimos?
En Europa isto está funcionando moi ben. Dende hai anos temos unha rede de alerta temperá na que se analizan moitísimos produtos que se moven duns países a outros dentro da UE e, á mínima detección, hai unha alerta que chega a todos os países, se paraliza o produto e non se comercializa. Nese sentido, os consumidores poden estar moi tranquilos. Os produtos que se producen en Europa son seguros. Outra cousa son as importacións de terceiros países. Estanse importando moitos alimentos de Asia, América do Sur e de África que ao mellor non teñen os mismos criterios de seguridade alimentaria que temos nós e aí si que habería que intensificar os controis para que non entrase ningún produto contaminado.
Como consumidores, podemos facer algo para protexernos e previr esas enfermidades de transmisión alimentaria?
Debido a este incremento de casos asociados a froitos vermellos, o Goberno de Islandia, por exemplo, recomenda que, se se compran estes froitos conxelados, se fervan durante un minuto e se deixen enfriar antes de consumilos. En xeral, todas as medidas de hixiene e o cociñado dos alimentos vai favorecer que non se produzan esas infeccións. Hai algúns, como as ostras, que consumimos crus e aí pouco podemos facer, pero si ao mellor alongar o tempo que temos ao vapor os moluscos, porque o calor inactiva os virus. Ou, no caso dos vexetais, botar unhas pingas de lixivia na auga na que lavamos as verduras ou as froitas, tamén pode axudar a inactivar esas partículas víricas.
E tamén, no caso dos moluscos, mercar produtos etiquetados con garantía de ter pasado por unha depuradora, non si?
Exacto.