A plataforma online É-Saúde atrae a 2.360 pacientes da Eoxi Pontevedra e O Salnés

A ferramenta permite consultar e xestionar as citas e revisar a folla de tratamentos e o historial clínico desde o móbil ou o ordenador
Centro médico de Marín
photo_camera Centro médico de Marín

É-Saude, a plataforma dixital do Sergas dirixida a pacientes e cidadáns, que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos persoalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a Internet, suma 2.360 usuarios na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (Eoxi) de Pontevedra e o Salnés, segundo informou este luns a Xerencia. Diariamente conéctanse entre 2.500 e 3.500 usuarios en toda Galicia.

É-Saúde posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos e os informes de TAO (sintróm), de alta, de probas diagnósticas e do calendario de vacinacións infantís, entre outras prestacións. Pódese facer directamente dende o móbil, ordenador ou tableta con conexión a Internet e dende calquera punto da xeografía. Así mesmo permítelles acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado. A plataforma ofrece, ademais, acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

A través de É-Saúde tamén se poden consultar servizos ou participar nas comunidades entre o persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que permitan contactar con outros doentes cos que compartir dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etcétera, subliña a Xerencia da Eoxi.

É-Saúde permite que os pais, nais e titores -no caso dos menores de idade- ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos persoalizados que se ofrecen neste dispositivo.

ACCESO DELEGADO. Este acceso delegado -que xa se solicitou para 44 pacientes- posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular, coma os informes médicos de probas diagnósticas, as citas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na farmacia.

Poden facerse usuarias de É-Saúde as persoas que reciban asistencia en centros da Eoxi e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Sergas. Para facelo, deben acceder á web da plataforma e crear unha conta cubrindo un formulario. Para garantir a seguridade de datos persoais e clínicos, algunhas das funcionalidades só están dispoñibles cun nivel de seguridade alto, validando a identidade a través do DNI electrónico, o certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou o sistema Chave 365.

Comentarios