A plataforma #PonteLovers leva 4.000 guías de protección ante a Covid a comercio e hostalería

Os folletos recollen da man do robot Sentidiño as principais medidas de prevención
Imaxe da guía de protección ante o coronavirus. DP
photo_camera Imaxe da guía de protección ante o coronavirus. DP

A plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, comezou a repartir este luns 4.000 guías de protección fronte á Covid-19 entre os establecementos comerciais e de hostalería da cidade.

Nos folletos, da man do robot Sentidiño, recóllense nunha ducia de páxinas e de modo sinxelo as principais medidas de prevención e recomendacións hixiénicas e sanitarias que deben cumprir os propietarios, empregados e clientes dos negocios.

Así, para empezar, a guía responde a preguntas básicas como que é o coronavirus, como se propaga e cales son os síntomas máis comúns. A partir de aí, ademais de lembrar o teléfono de consulta (900.400.116), repasa as normas a seguir antes de ir ao traballo e nos desprazamentos laborais, as medidas para protexerse, as probabilidades de contaxio, o uso correcto das mascarillas, a forma axeitada de lavar as mans, a organización da actividade comercial, o mantemento da distancia de seguridade e o respecto das medidas hixiénicas. 

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asegura que a distribución destas guías —gratuítas— completa a acción de apoio ao comercio iniciada nas pasadas semanas co reparto de 2.000 carteis da campaña Sentidiño fronte a Covid-19 e de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade.

Blanco destaca como o principal obxectivo dos folletos "expoñer de xeito resumido, concreto e fácil de entender toda esa marea de normas e recomendacións remitidas polas distintas administracións", para que a mensaxe chegue con claridade aos responsables dos negocios e aos seus clientes.

Comentarios