O Pleno da Deputación aproba este venres o plan para o novo acceso a Monte Porreiro

O vial permitirá facer máis curta a conexión do centro da Boa Vila co barrio

Trazado do novo vial a Monte Porreiro. DP
photo_camera Trazado do novo vial a Monte Porreiro. DP

O Pleno da Deputación aprobará este venres o proxecto definitivo e as expropiacións para a construción da nova vía de acceso a Monte Porreiro. Así o anunciou o vicepresidente, César Mosquera, quen destacou que xa están resoltas as alegacións, que foron estimadas parcialmente na súa maioría, e que a urxente ocupación será ratificada para poder adxudicar e comezar a obra de xeito inminente.

"Avanzamos un paso máis en firme e imprescindible cara o resultado final", dixo Mosquera, que lembrou que o máis difícil do novo acceso, o paso baixo a vía do tren, xa está executado posto que no seu momento se pedira a Adif que o fixera. "Ese vial vai permitir facer dunha maneira moito máis curta a conexión con Monte Porreiro. Vai permeabilizar a zona e no futuro pode permitir que o actual acceso polo lado do río, que é unha volta e que vai por unha zona topograficamente difícil e con grandes valores ambientais, poida ir recuperándose", subliñou. Unha vez se resolva o trámite de mañá no Pleno e autorizada a urxente ocupación, poderase iniciar a licitación dos traballos, fase da que se fará cargo o Concello de Pontevedra.

Durante os últimos meses o servizo de Mobilidade da Deputación foi o responsable da resposta ás alegacións que se presentaran, un total de 20. Segundo indicaron os técnicos, a maior parte dos propietarios solicitou unha retaxación sobre a valoración inicial e, unha vez se puido entrar e estaquillar as fincas, coñecéronse de xeito definitivo as propiedades afectadas.

Tivéronse en conta, ademais dos propios solares, as árbores madeirables, as árbores froiteiras, as cepas e postas de viña e as árbores ornamentais; os peches de bloques, perpiaño, pedra, formigón ou metálicos; os postes de pedra ou cemento e as alambradas metálicas ou servidumes e incluso os pozos fecais. Os terreos expropiables van finalmente dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios. Ademais das retaxacións polos bens inventariables, tamén se fixo un axuste das afeccións da zona da curva. Todos estes cambios ascenderon o total das expropiacións de 432.816,30 euros a 482.952,60 euros.

PROXECTO. O proxecto do novo acceso á urbanización de Monte Porreiro contempla a apertura dunha estrada de nova creación de 605 metros de lonxitude con tráfico calmado, que disporá de dous carrís de circulación de 3,50 metros de largo cada un, cunha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda, e facilitará o acceso peonil ata a Universidade e o barrio de Monte Porreiro.

O trazado aproveita o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte segue o trazado da rúa Reguiña. No treito final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública e a reordenación do tráfico.

A obra será posible grazas ao convenio asinado entre Deputación provincial e Concello.

O proxecto ten un orzamento total de obra 1.137.280,50 euros cun prazo de execución de nove meses.

Comentarios