O Pleno provincial rexeita por unanimidade o peche de oficinas bancarias

A presidenta, Carmela Silva, que deu lectura ao acordo, agradeceu o apoio e xustificouno afirmando que "hai unha verdadeira alarma social"
undefined
photo_camera Pleno extraordinario da Deputación celebrado este venres. GONZALO GARCÍA

O Pleno da Deputación aprobou este venres por unanimidade unha declaración institucional contra o peche das oficinas bancarias nos concellos do rural, despois de que Abanca consumase o peche de numerosas sucursais en diferentes municipios.

"A Deputación de Pontevedra, na defensa do interese xeral da provincia, e moi especialmente dos concellos rurais de menor poboación, entende que as oficinas bancarias prestan un servizo presencial básico", sinala o texto ratificado cos votos favorables dos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e PP.

A presidenta, Carmela Silva, que deu lectura ao acordo, agradeceu o apoio e xustificouno afirmando que "hai unha verdadeira alarma social, sobre todo nos concellos máis pequenos e rurais, que son os que teñen unha dependencia maior da rede bancaria presencial".

A declaración considera que as oficinas bancarias son un "servizo imprescindible" nos territoriais rurais, onde abundan poboación de idade avanzada e que carece das competencias dixitais necesarias para operar dende os portais de banca electrónica.

"As oficinas bancarias son, en moitas ocasións, o único recurso co que contan estes grupos de poboación para xestionar as contas das que son titulares". Subliña, a continuación, que a provincia de Pontevedra non é allea a este fenómeno de "desertización bancaria" e a veciñanza contempla «con indignación e impotencia» a cadea de peches que xa afecta a Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín), Vilaxoán e O Carril (Vilagarcía de Arousa), Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Panxón (Nigrán), Campo Lameiro, Campelo (Poio) e Corvillón (Cambados) "que son as últimas pezas nesta cadea de peches".

A Deputación lembra que, a pesar de "carecer da potestade lexislativa e de competencias neste eido", decidiu "dar a voz de alerta e instar a todo o mapa institucional a sumar esforzos para reverter esta deriva na que os intereses das persoas quedan deturpados pola voracidade dos intereses empresariais".

"Poñémonos", conclúe a declaración institucional, "a carón de tódolos pobos, concellos e comarcas afectadas e animamos a tódolos actores políticos interpelados por esta situación a adoptar as medidas administrativas e reguladoras necesarias para manter unha atención bancaria digna, entendida como un servizo esencial, en todo o territorio rural".