Podan as acacias da rúa Andrés Mellado e talan unha árbore en risco de caer

Desenvolvemento Sostible vén de asinar a contratación das obras de reparación das papeleiras da avenida de Uruguai e dun servizo para a limpeza e protección antigraffiti en Campolongo e outras zonas de Pontevedra

Poda dunha árbore en mal estado na rúa Andrés Mellado. CONCELLO
photo_camera Poda dunha árbore en mal estado na rúa Andrés Mellado. CONCELLO

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, a través do seu Servizo de Parques e Xardíns, rematou este xoves os traballos de poda de todas as robinias pseudoacacias existentes na rúa Andrés Mellado.

As actuacións, realizadas por unha cuadrilla de catro xardineiros, incluíron a tala dunha árbore situada á altura do paso de cebra e as escaleiras que conectan con Augusto García Sánchez, que se atopaba completamente podre e que supuña un perigo para viandantes e vehículos aparcados nas súas inmediacións.

Poda dunha árbore en mal estado na rúa Andrés Mellado. CONCELLO (2)Tal e como explica o concelleiro socialista Iván Puentes, "para levarse a cabo esta intervención contouse cun camión dotado dunha grúa autocargante, outro cunha grúa para poda en altura e unha máquina trituradora, de xeito que os restos se poidan aproveitar, ben como cama para tratamentos de zonas verdes, ben como material de compostaxe".

"As acacias xa perderan boa parte das súas follas, polo que era un bo momento para facerlles unha poda e cortar aquelas ramas secas ou en mal estado. No caso da árbore talada, estaba morta dende había un tempo, polo que supuña un perigo e procedía eliminala para evitar que puidese precipitarse", sinala o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

Por outra banda, Iván Puentes vén de asinar a contratación das obras de reparación das papeleiras da avenida de Uruguai a Baygar SL cun orzamento de 1.808,95 euros, e de dun servizo para a limpeza e protección antigraffiti no barrio de Campolongo e outras zonas da cidade, que realizará a firma especializada Distribuciones Gallegas de Stocks SL cunha achega global de case 3.500 euros.

Comentarios