"Pode haber cultura sen infraestruturas, non hai que preocuparse tanto por elas"

Un coloquio entre o arquitecto británico David Chipperfield e a directora da Fundación Reina Sofía, Ana Tomé, sobre os contedores culturais e a súa función social abre o ciclo Urbtopías
Un momento do coloquio inaugural do ciclo Urbtopías, este mércores, no espazo acristalado do Edificio Castelao do Museo, ateigado de xente. DAVID FREIRE
photo_camera Un momento do coloquio inaugural do ciclo Urbtopías, este mércores, no espazo acristalado do Edificio Castelao do Museo, ateigado de xente. DAVID FREIRE

Que os espazos culturais non teñen por que quedar reducidos a equipamentos específicos senón que deberían ser considerados así prazas e parques, por exemplo, ou que o xestor cultural debe saber e entender o contexto no que traballa e adaptarse a el son algunhas das conclusións do primeiro coloquio do ciclo Urbtopías deste ano, unha proposta do Concello de Pontevedra que ten por obxectivo propoñer unha reflexión sobre o presente e o futuro das cidades.

O arquitecto británico David Chipperfield, vinculado a Corrubedo (Ribeira, A Coruña) e presidente da Fundación RIA, e a directora da Fundación Reina Sofía, Ana Tomé, protagonizaron o encontro, moderado polo xornalista pontevedrés Álex Espiño e que ateigou de público o espazo acristalado do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. "Espazos culturais como elementos de cohesión" era o título da palestra.

Ana Tomé, Fundación Reina Sofía: "Las entidades culturales deben ser intérprestes de la realidad, no solo acumuladoras de objetos"

"Pode haber cultura sen infraestuturas, non debiamos preocuparnos tanto por elas", dixo Chipperfield, que sinalou como un perigo a teima dalgúns políticos en realizar novas construcións "mentres se descoidan parques, prazas ou autobuses". Tanto el como Ana Tomé coincidiron en restarlle importancia aos edificios culturais. "Contenido y contenedor son dos caras de la misma moneda. El espacio público puede funcionar perfectamente como un contenedor cultural", explicou a directora da Fundación Reina Sofía, que se referiu nomeadamente aos museos. "Las entidades culturales deben ser intérprestes de la realidad, no solo acumuladoras de objetos".

CAIXIÑAS PECHADAS. Tamén falou dos museos Chipperfield para explicar que "cada vez se interesan máis pola condición humana e van máis alá da acumulacion de obxectos". "Deben servir para celebrar o que se conseguiu, pero non poden ser unha caixiña pechada. Teñen a posibilidade de inspirar a unha nova xeración. Deben facelo. A única razón para protexer a historia é afianzar o presente e o futuro", rematou.

Para o arquitecto británico é igualmente fundamental que se atenda á cidadanía e non a outros intereses. "Existe o perigo de que as institucións culturais se preocupen máis de atender ao turismo que á cidadanía. Porque o turismo ten moito peso hoxe na economía, peso de máis. É importante fixar prioridades".

David Chipperfield, arquitecto: "Existe o perigo de que as institucións culturais se preocupen máis de atender ao turismo que á cidadanía. Porque o turismo ten moito peso hoxe na economía, peso de máis"

Neste punto, Ana Tomé, que eloxiou ante os medios o modelo urbano de Pontevedra ("no hay color con respecto a lo que esto era hace 40 años, cuando te dedicabas a esquivar coches; es un error pensar que este modelo no se puede extrapolar a grandes urbes, habrá que buscar cómo"), introduciu o papel do xestor cultural. "Dependiendo de la estructura del territorio, así debe ser la oferta. Un gestor cultural debe saber leer lo que está pasando a su alrededor para satisfacer la demanda cultural individual y social". Neste sentido, Chipperfield aproveitou para reivindicar a importancia do patrimonio inmaterial e o papel que deben xogar as institucións na súa conservación.

Axenda
Ana Luisa Amaral, Manuel Vilas e Ramón Rozas
O luns 18 de outubro terá lugar o segundo coloquio de Urbtopías. Participarán a poeta Ana Luisa Amaral, o escritor Manuel Vilas e o crítico Ramón Rozas. Moderará a xornalista Pilar García rego. A charla volverá ser ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Entrada libre.