A Policía Local desaloxa A Verdura e Méndez Núñez por aglomeracións

O Concello desvincula esta actuación da actividade da hostelería, xa que se disolverongrupos de mozos cando bares e restaurantes xa estaban pechados, máis alá das 18.00 horas

Policías controlando a Praza da Verdura, en outubro. ARQUIVO
photo_camera Policías controlando a Praza da Verdura, en outubro. ARQUIVO

A Policía Local procedeu nos últimos días ao desaloxo de dúas das prazas do terraceo pontevedrés, onde adoitan producirse numerosos encontros sociais, se ben as reunións non estaban relacionadas coa actividade hosteleira. Deste xeito, o pasado 5 de xaneiro, arredor das 18.00 horas,os axentes municipais víronse na obriga de disolver varios grupos de mozos e mozas no entorno da Praza da Verdura e a Praza de Méndez Núñez sen que se producise ningún altercado durante a intervención dos axentes. A actuación saldouse con nove denuncias por cuestións como non levar posta a máscara obrigatoria.

Un episodio semellante repetiuse o pasado sábado, 9 de xaneiro, cando se volveu desaloxar a Praza da Verdura, tamén arredor das 18.00 horas, por aglomeracións de máis de catro persoas non convivintes. Este segundo incidente supuxo tres denuncias, unha por non levar máscara e dúas por consumo de alcohol na rúa, se ben fontes municipais resaltan que a disolución dos grupos resolveuse tamén sen ningún tipo de disturbio.

O Concello tamén pon de manifesto que se trataba de encontros fóra do ámbito da hostelería e resalta que o sector non ten nada que ver con estes desaloxos. "De feito, as aglomeracións producíronsea unha hora na que a hostelería xa estaba pechando", indicou Anabel Gulías, que informou de ambas as dúas intervencións na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno municipal do luns.

Deste xeito, con estes dous incidentes, os últimos días concentraron un especial número de intervencións e denuncias da Policía Local por incumprimentos das medidas contra a expansión da covid-19. Do mesmo xeito, é a primeira vez que o Concello de Pontevedra intervén para o desaloxo dun espazo público como unha praza ou unha rúa, se ben xa no verán fora preciso tomar certas medidas para evitar que se agruparan demasiadas persoas no contexto da celebración de concertos e outro tipo de actividades culturais ao aire libre organizadas polo propio Concello.

Só na semana pasada, entre o 4 e o 10 de xaneiro, puxéronse en Pontevedra 60 denuncias por non cumprir coa normativa sanitaria, 37 delas foron tramitadas na finde semana. A maior parte das infraccións correspóndese con individuos que non utilizaban máscara(en 18 casos) ou que estaban na rúa máis alá das 23.00 horas (que suman 20 denuncias), cando está fixado o toque de queda.

Por outra parte, hai cinco denuncias por desobediencia e outras cinco a persoas que non cumpriron coas restricións de mobilidade polas cales Pontevedra permanece pechada perimetralmente e só é posible entrar ou saír da cidade por causas de forza maior. Outras tres persoas foron denunciadas por beber na rúa e interpuxéronse seis denuncias a individuos que participaban nunha reunión de máis de catro persoas non convivintes. Por outra parte, Anabel Gulías destacou a importancia de manter un comportamento responsable por parte da cidadanía e explicou o caso dun establecemento de hostelería de Xeve que acumula xa varias denuncias por non respectar o horario de peche, a última na pasada semana. Deste xeito, entre o 4 e o 10 de xaneiro foron multados dous locais de restauración por non baixar a persiana ás 18.00 horas, tal e como rezan as medidas de Sanidade.

Unha vez rematado o Nadal e á espera da que os expertos consideran xa a terceira vaga da pandemia, a voceira municipal, Anabel Gulías, non quixo adiantar en que condicións se celebrará o Entroido en Pontevedra neste 2021. Porén, asegurou que o Concello quere "seguir festexando, aínda que sexade forma diferente, e tendo claro que a prioridade é garantir a saúde pública". Neste sentido, asegurou que os membros do Goberno estarán "pendentes de como se desenvolven os acontecementos" para actuar en consecuencia. Para a celebración das festas do Entroido falta aínda máis dun mes.

Multas. Na rúa ás dúas da madrugada para "renovar o carné"
No rexistro de denuncias tramitadas ao longo da semana pasada consta tamén a dun home de Madrid que visitou Galicia sen inscribirse no rexistro de viaxeiros procedentes de comunidades con alta incidencia do virus elaborado pola Xunta.

Así, o individuo multado pola Policía Local atopábase na rúa Joaquín Costa ás dúas da madrugada e xustificou a súa presenza alí porque "ía renovar o carné», xa que en Madrid hai demasiado tempo de espera para a cita.

O home, ademais de non inscribirse no rexistro de viaxeiros, incumpría tamén o toque de queda fixado nas 23.00 horas en Galicia e foi multado polos axentes municipais.

Gulías pediu este luns á cidadanía que se manteña o comportamento "exemplar" respecto á pandemia.

Comentarios