"As políticas feministas teñen que ser transversais en todos os ámbitos"

Política en feminino ▶ Tan só o 29,7% das candidaturas do 28-M na provincia de Pontevedra están lideradas por mulleres, apenas un 7,2% máis que hai oito anos. Cinco destas 76 alcaldables, de distinta cor política, idade, profesión e experiencia analizan a situación.
De esquerda a dereita, 'Mariquiña' Lores, Marga Caldas, Marta Giráldez, María Rey, María Ramallo o venres 19 de maio na praza do Hospital, en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera De esquerda a dereita, 'Mariquiña' Lores, Marga Caldas, Marta Giráldez, María Rey, María Ramallo o venres 19 de maio na praza do Hospital, en Pontevedra. DAVID FREIRE

Son cinco mulleres de distinta idade, profesión e ideoloxía. Pero teñen algo en común: que as cinco queren ser alcaldesas nos seus municipios (ou continuar no cargo). Arredor dun café na redacción de Diario de Pontevedra, o 19 de maio, no ecuador da campaña electoral, analizaron a súa experiencia en política, un mundo no que seguen sendo minoría. Só 76 das 256 candidaturas da provincia que se presentan ás eleccións municipais do vindeiro domingo (o 29,7%) están encabezadas por mulleres, unha porcentaxe que apenas medrou desde 2019 (28,8%), aínda que si lixeiramente desde 2015 (22,5%).

En canto ás xuntas electorais de zona ou partidos xudiciais, a porcentaxe na de Pontevedra, á que pertencen María Rey e Luisa Lores (Pontevedra), Marga Caldas (Poio) e María Ramallo (Marín), é do 29,6%. Hai 57 encabezadas por homes e 24 por mulleres. Na de Cambados, á que corresponde Marta Giráldez (Meis), baixa ao 25,6% (32 homes e 11 mulleres).

Conciliación, ese unicornio

"As que estamos aquí temos nas nosas mans o reto de non estropealo. Desde que participo en política, en 1995, con 24 anos, si que evolucionou" a situación, afirma María Ramallo (PP). "Seguimos sendo poucas, pero as eivas fundamentais para participar na política local, no caso das mulleres, son a conciliación, os horarios e o nivel de esixencia. En concreto da política municipal. Estiven no Parlamento de Galicia, no Congreso... Nada que ver!".

Esas tres claves, compartidas polas outras catro protagonistas, están detrás da baixa porcentaxe de candidatas. "É un reflexo da sociedade. As mulleres cargamos con todo e facer outras cousas á parte de traballar, coidar dos fillos, dos maiores e da casa segue a ser complicado. As políticas de conciliación non van adiante", lamenta María Rey (Espazo Común). Luisa Lores (Podemos) apunta que Galicia "é a comunidade autonóma coa taxa máis baixa de mulleres alcaldesas, o 18%". Á dificultade da conciliación suma que "unha de cada catro mulleres sufríu violencia psicolóxica" e iso "fai difícil que confíes en ti mesma para representar a sociedade". Tampouco é tan doado, engade, "dicirlle ao marido hoxe chego ás once, tenme a cea preparada, como diría el".

Ramallo quere ser "positiva", pois encabeza unha candidatura por sétima vez, pero "sen restar realismo á situación". "Somos poucas, pero non debes encabezar unha lista polo feito de ser muller, senón pola túa profesionalidade, a túa valía, a túa experiencia e o que poidas achegar á política municipal". Tampouco a lei de paridade foi a gran solución, advirte. "Ás veces nas listas cúmprense as cotas porque nos cambian a unhas por outras. O prestixio e a profesionalidade hai que demostralos. Porque se só somos unha cota acabarannos substituíndo por outras".

"Temos que demostrar a profesionalidade e a valía igual que os homes, non temos que ter un nivel de esixencia maior ca eles", sostén Marta Giráldez (PSOE), que coincide con Ramallo en que a municipal é "a política con maiúsculas, a que transforma a vida da xente" e causa de "noites sen durmir", pero non o das mulleres intercambiables. "Non comparto iso de que se non valemos nos cambian por outras. Iso debería pasar tamén cos homes, e non pasa. Nós xa somos máis esixentes ca eles porque queremos chegar a todo, á Alcaldía, á familia, ao traballo, se cometemos a loucura que cometín eu que é compatibilizar coa miña profesión... Temos que pelexar por que non se nos xulgue por algo que non sexa o noso traballo".

O mesmo pasa en órganos xudiciais e en consellos de administración, lamenta. "E estamos incluso mellor formadas", pero ás veces "tamén é o momento que che toca vivir. A min tocoume ser alcaldesa en pandemia e do meu grupo de goberno as tres mulleres somos as que estamos á fronte. Creo que as cousas se fixeron precisamente por iso. Temos unha sensibilidade distinta e demostramos con creces que cumprimos como quería a cidadanía".

Marga Caldas (BNG) apunta que esas cotas son "reflexo da sociedade" e coincide en que a conciliación, ou máis ben a súa ausencia, "fai que moitas mulleres non poidan estar en política como queren, porque seguen asumindo o peso da responsabilidade" e que aínda queda moito por facer. "Teñen que valorarnos polo que facemos, polo proxecto, pola nosa valía. Non se trata de ser mellores nin peores que os homes. Trátase de que non teñamos unha maior esixencia". Incide tamén na importancia de as mulleres ocupen espazos de decisión política porque "a nosa é unha ollada diferente, unha maneira distinta de entender o urbanismo, as necesidades, e iso dálle outra vida á política municipal".

En feminino ou feminista?

O apunte de Caldas enlaza coa seguinte cuestión: pódese vincular a presenza feminina nas administracións con políticas feministas? "O feminismo na política non só depende do xénero, senón do modo de facer política", deixa claro Lores. "Se eu teño que imitar a un home, como Margaret Thatcher, para chegar á política, pois fraco favor fago ao feminismo", que é "outra forma de traballar". Pero aínda hai "machismo" nos gobernos, "ata nos máis progresistas", que elixen homes para cargos de libre disposición mentres as mulleres logran a maioría das prazas por oposicións.

"As políticas feministas teñen que ser totalmente transversais a todos os ámbitos municipais", subliña Giráldez. "Urbanismo, servizos sociais, medio ambiente... Cando as mulleres gobernan esas políticas chegan a todos os lados". Lores destaca "a capacidade de xestionar que teñen as mulleres desde o berce. Temos que atender os nenos, a economía doméstica, limpar, ir a clase, traballar… A nosa forza non é ser a metade da poboación, senón a metade da poboación que ten os pés na terra. Ser non só mulleres, senón mulleres que cambiemos a forma de facer política".

Caldas lamenta que "aínda está moi integrado na sociedade que o feminismo é o contrario do machismo", pero "facer políticas feministas é buscar a liña da igualdade e que ningunha muller estea por debaixo". Por iso "a forma de que o feminismo chegue desde os concellos é que os mulleres esteamos na primeira liña".

"A min si me gustaría dar ese salto cualitativo. Falta implicar tamén á xente que procedemos da empresa privada, que o temos infinitamente máis complexo para participar na política", apunta Ramallo. Para iso é preciso "racionalizar os horarios, non só na política". Si coinciden en que as baixas de paternidade obrigatorias foron positivas neste sentido.

Giráldez compárteo "ao cento por cento". "E xa se es autónoma… Non só na política, tamén nas profesións. Eu non parín en campaña, pero parín e aos sete días estaba traballando no xulgado porque non temos dereito a unha baixa. En todos os eidos, sobre todo as autónomas aínda estamos peor tratadas".

Hai machismo nos partidos?

"Mira que eu son crítica, pero no meu partido nunca notei ese machismo e sempre estiven moi orgullosa da miña agrupación en Meis –destaca a alcaldesa socialista–. Fun candidata con 26 anos e a maior parte dos militantes eran señores de 70 para arriba. En todo momento entenderon, respectaron moitísimo e apoiaron a unha rapaza nova". Onde ve o problema? "Nas listas ás autonómicas. Non por ser mulleres, senón por residir no rural. Non se nos valora pola nosa capacidade, formación ou traballo demostrado na política municipal, senón por vivir nunha cidade. Niso teñen que avanzar todos os partidos, incluido o meu".

Caldas tampouco notou machismo no BNG, aínda que en 2007 era máis complicado integrar tantas mulleres nas listas como agora. "Sempre me respectaron pola valía, o traballo, a experiencia".

Na lista de Podemos "somos un 60% de mulleres e non noto discriminación", subliña Lores, que leva 44 anos en política. Desde aquela si que se avanzou.

Ramallo tampouco atopou atrancos no PP. "Estou encantada co meu equipo de traballo e non cambiaría o meu número dous por unha muller. Non me gustaría que unha imposición ata ese límite conleve que perdas determinados talentos polo camiño. Penso que unha sociedade vai avanzar se somos capaces de equilibrar".

"Meterte en política é cruel para as mulleres"

"As políticas de conciliación non van adiante e meterte en política ás veces é cruel para as mulleres". reflexiona María Rey. Fala por propia experiencia, pois dous días antes do seu encontro tivo que ver como alguén en Twitter, presuntamente outra muller, lle dicía que tiña "una delantera mejor que la del Real Madrid". "Nunca escoitei dun tema sexual de Lores [Miguel Anxo]. Para min é moito máis difícil. Atácannos moito máis polo simple feito de ser mulleres".

Tampouco aproba a estratexia de Podemos de presumir da súa candidata en Valencia "dicindo que é sorda y bollera". en palabras da ministra Irene Montero. "Se o currículum que van vender é as taras que temos ou con quen nos deitamos, a cousa ponse difícil. Nunca escoitei presentar un home como coxo ou gai". Neste caso é Luisa Lores a que non concorda con ela. "Sendo xorda non é doado chegar a alcaldesa ou concelleira. Se é lesbiana tamén é complicado. Por iso é bo visibilizar que na vida somos distintos tipos de mulleres e que todos son esenciais para conformar a sociedade".

Nai en campaña

Recibir comentarios relacionados coa vestimenta e a maquillaxe ou escoitar "que guapiña estás" perden gravidade ao lado do cataclismo que supón ser nai uns días antes dos comicios. "Eu din a luz en campaña electoral, en 2007", lembra Ramallo. "A min prexudicoume" nese momento, admite, pero "ou me incorporaba ou pasaba a campaña".

Fíxoo "aos dous días, grazas a Deus pola miña saúde" e escoitou unha ristra de reproches: "Vaste enfriar, como deixas á nena con dous días? E que lle dás? Biberón? Porque claro, con este ritmo… Tiven que escoitar de todo. E ás veces máis das mulleres". Nada que ver co "recordo marabilloso" de Carme Chacón, posterior ministra de Defensa, pasando revista ás tropas. "Igual nesa política de contexto nacional pode beneficiar, pero eu paseino horrible. Eu non planifiquei que coincidiran as datas". "E aínda por riba somos malas nais –apunta Rey–. Cando te metes nunha asociación ou en política xa che din que non es boa nai, que che molestan os fillos".

Quen é quen
María Ramallo (PP) Candidata á Alcaldía de Marín
María Pilar Ramallo Vázquez (Marín, 1970) é alcaldesa do seu municipio desde 2011. Licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, ingresou no Partido Popular e foi elixida concelleira en 1995. Regresou ao Concello en 2003. Ademais foi deputada no Congreso dos Deputados en dúas lexislaturas (2008 e 2019) e no Parlamento Galego en 2009. Tamén presidiu a Autoridade Portuaria de Marín. Desde 2011 é alcaldesa con maioría absoluta.

Marta Giráldez (PSOE) Candidata á Alcaldía de Meis
Nacida en Paradela (Meis) en 1977, Marta Giráldez Barral licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como avogada e dedícase á política activa desde 2007, ano en que encabezou a lista do Partido Socialista no seu municipio, logrando pasar dun concelleiro a tres. Desde 2019 é a alcaldesa ao desbancar ao PP. Ademais é secretaria local do partido e forma parte da executiva socialista a nivel galego.

20230519_Dfreire_019Marga Caldas (BNG) Candidata á Alcaldía de Poio
Margarita Caldas Moreira naceu en Campelo (Poio) hai 43 anos e dende moi nova militou nas filas nacionalistas. Educadora social de formación, exerceu como responsable comarcal de Galiza Nova e en 2007 incorporouse á candidatura do BNG liderada por Nito Sobral. Quedou moi preto do escano. En 2009 convertiuse en concelleira en substitución do malogrado Miguel Anxo Pazos e neste último mandato asumiu Deportes e outras tres áreas de goberno.

María Luisa Lores Aguín Mariquiña (Podemos) Candidata á Alcaldía de Pontevedra
Radióloga en activo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) aos seus 67 anos, Luisa Lores, máis coñecida como ‘Mariquiña’, é militante de Esquerda Unida, formou parte de Marea ata a súa disolución e agora preséntase á Alcaldía como cabeza de lista por Podemos. Defensora da sanidade pública, tamén exerce como responsable da área de Sanidade de Podemos Galicia.

20230519_Dfreire_026María Rey (Espazo Común) Candidata á Alcaldía de Pontevedra
"Madre, trabajadora autónoma y luchadora". Así se define María Rey Martínez (Pontevedra, 1973), graduada social pola UVigo, que opta á Alcaldía por terceira vez. En 2015 e 2019 fíxoo liderando a lista de Ciudadanos e, tras abandonar Cs uns días despois, agora faino baixo o paraugas de Espazo Común. Previamente tamén militara no PSOE . Compaxina a política co seu traballo de asesora de empresas.