O Pont-Up Store adía o seu programa presencial á vindeira primavera

Yoya Blanco aposta por “non renunciar a levar o emprendemento galego ás rúas da cidade" ► Organizarase un evento en liña o 19 de novembro
Presentación de Pont-Up Store. DP
photo_camera Presentación de Pont-Up Store. DP

Pont-Up Store terá agardará á vindeira primavera para celebrar o seu programa presencial, instalando unha carpa na Praza de España para dar cabida aos emprendementos de 46 starups galegas. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e a organización do evento amosan así a súa vontade de “non renunciar a levar o emprendemento galego ás rúas da cidade, mantendo un dos seus principais sinais de identidade ao longo dos seus sete anos de traxectoria”.

A decisión foi adoptada tras valorar a situación sanitaria actual coas entidades que apoian o evento, que apostaron por continuar financiando as actividades deste encontro, que a día de hoxe é un dos grandes referentes do ámbito do emprendemento no noroeste peninsular. En concreto, a concelleira de Promoción Económica manifestou o seu respaldo monetario para reforzar o programa desta edición e estudará cómo desenvolver a VIII edición prevista para setembro de 2021.

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, subliña a necesidade de “seguir apostando por levar o emprendemento á rúa e por seguir ofrecendo apoio e visibilidade aos emprendementos galegos, que agora precisan máis que nunca do magnífico escaparate que lles ofrece o Pont-Up Store, onde poden testar as súas iniciativas, ter contacto directo co público e establecer relacións con posibles provedores e colaboradores”. Explica, ademais, que este encontro xa tiña iniciado o camiño cara unha nova fase antes da pandemia e, agora, vaise “acelerar ese proceso para facer do Pont-Up un contedor de accións que vai programar actividades durante todo o ano”.

Unha sesión con oito starups galegas

Adicionalmente, a organización está a traballar para transformar o talent business Pont-Up Exprés nun evento en liña que se celebrará o vindeiro 19 de novembro entre as 19:30 e as 20:30 horas. A sesión será retransmitida a partir dun plató virtual onde 8 startups galegas (The Goods Shop, Ananinas Skin Peace, Vivegreens, Ertha Surfboards, Smartwood, Versos de A Ruda, O Galpón Lab e A Factoría do Lume) presentarán en 5 minutos o seu traballo a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Nesta edición, o comité de expertos estará formado por Margarita Hermo Figueira, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de Relacións Institucionais da corporación empresarial conserveira Jealsa; Emilio Bruquetas Serantes, director xeral do grupo enerxético galego Reganosa Holdco, e Ángel González Calvo, presidente executivo da compañía internacional especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbano Setga, que xunto coa carta escoitante, Virginia Pozo Castro, fundadora, CEO e directora creativa da firma de moda internacional Coosy, representan a internacionalización de empresas con base e orixe en Pontevedra.

Pedro Figueroa convida ao público a seguir esta actividade a través de internet e lembra que na web do encontro é posible consultar tanto a información de todas as sesións en liña celebradas ata agora coma outra de interese para os novos emprendementos.

O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo), patrocinado pola Concellería de Promoción Económica de Pontevedra como patrocinador principal e conta co apoio da Deputación, que se suma ás outras case 40 entidades públicas e privadas colaboradoras que durante estes sete anos foron sumando o seu respaldo.