Pont-Up Store busca os protagonistas da súa décima edición, cunha programación especial

O prazo para presentar candidaturas emprendoras a esta feira estará aberto desde este venres ata o 9 de xullo
Pont-Up Store 2022. DP
photo_camera Un momento da última edición da Pont-Up Store, en setembro de 2022. DP

O prazo de presentación de candidaturas para participar na décima edición do Pont-Up Store estará aberto entre este venres e o 9 de xullo. O "principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular", como destaca a organización, desenvolverase o 29 e 30 de setembro en Pontevedra.

Nesta décima edición haberá dúas modalidades para participar: a través do 35 stands gratuítos que se instalarán no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego. Está aberto a proxectos de emprendemento "innovador e creativo", que leven en funcionamento menos de tres anos e medio (42 meses) ou que se atopen nunha "fase moi avanzada de desenvolvemento". A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, a innovación e creatividade do proxecto, o seu valor social, a súa sustentabilidade, o seu potencial económico ou social e a capacidade de desenvolvemento futuro. O xurado estará integrado por Luis López-Boado, director xeral de Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño de Finsa, e Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop.

O décimo aniversario será especial, cunha programación que englobará un "intenso programa de actividades en diversos puntos da cidade, con destacadas presenzas do ámbito emprendedor galego e español". Nela contarán cun apartado destacado os videoxogos, incluíndo o Encontro Indie Galicia-Galicia Indie Summit. Haberá tamén unha sección sobre emprendemento musical, na que participarán diferentes referentes do sector, así como a Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra.

Comentarios