Pont-Up Store dedicará a súa quinta edición á tecnoloxía e á aprendizaxe

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia celebrarase na pontevedresa praza de España do 20 ao 22 de setembro

A pasada edición de Pont-Up Store. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera A pasada edición de Pont-Up Store. RAFA FARIÑA (ADP)

O Pont-Up Store abrirá este martes o prazo de presentación de candidaturas para participar na súa quinta edición, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España e que xirará arredor da tecnoloxía e a aprendizaxe, segundo informou este luns a organización. Tamén dedicará parte da programación a celebrar dun xeito moi especial estes cinco anos de percorrido.

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia arrinca cunha campaña que reivindica o Talento Transformador como enerxía para cambiar o mundo, e que está protagonizada por unha emprendedora heroína retrofuturista inspirada nos videoxogos.

A iniciativa, liderada polo Campus Crea S2i (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas que durante estes cinco anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles, propoñer actividades de dinamización dentro do programa e participar no Puntazo Exprés, no que serán seleccionadas dez empresas para explicar en cinco minutos o seu emprendemento ante catro mulleres, representantes de importantes empresas e entidades galegas. Como novidade, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das oíntes. 

As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde hoxe ata o 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o vindeiro 24 de xullo.

NOVOS CARGOS. En canto se fagan efectivas as tomas de posesión dos novos cargos electos na Universidade, o director do encontro, Pedro Figueroa, acompañado do novo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e dos patrocinadores principais, presentará oficialmente un avance da programación desta edición, na que terán un forte protagonismo a tecnoloxía e a aprendizaxe en clave de emprendemento.

Ademais, desde hai dúas edicións o Pont-Up Store conta oficialmente cunha Comunidade UP! que reúne a todas as persoas emprendedoras que van pasando polo encontro, tecendo unha gran rede galega de emprendemento. Esta comunidade, que protagonizou a campaña da pasada edición, será nesta ocasión o eixo central das celebracións do quinto aniversario, nas que se inclúe a exposición Cos cinco sentidos, e tamén xornadas de presentacións e networking gamificado. 
 

Comentarios