Pont-Up Store superará os 50 emprendementos na novena edición

A feira, que terá lugar o 23 e 24 de setembro, proporá tres modalidades de participación ▶As iniciativas poden presentarse ata o 6 de xullo
Foto de familia de organizadores e patrocinadores do evento, con Reigosa, Lores e Figueroa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de familia de organizadores e patrocinadores do evento, con Reigosa, Lores e Figueroa. GONZALO GARCÍA

Máis de 50 novas empresas –unhas dez máis que en 2021– darán a coñecer os seus produtos e servizos na novena edición do Pont-Up Store, que se desenvolverá os días 23 e 24 de setembro coa praza de España como punto central. O prazo de presentación de candidaturas para as tres modalidades de participación permanece aberto ata o 6 de xuño. Este encontro do emprendemento é impulsado pola Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, co apoio da Concellaría de Promoción Económica como patrocinador principal e o respaldo da Deputación e de preto de 50 entidades públicas e privadas.

Ademais de contribuír á proxección dos proxectos empresariais seleccionados, despregarase tamén un programa de actividades paralelas en diversos puntos da cidade co foco posto na internacionalización e na sustentabilidade como vantaxes competitivas para as novas empresas, segundo explicou este xoves o director do evento, Pedro Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o deputado provincial Gregorio Agís e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, acompañaron a Figueroa na presentación dun encontro que mantén un ano máis tres modalidades de participación. Por unha banda, as empresas poden optar a uns dos 35 postos gratuítos que acollerá a carpa do evento, así como a levar a cabo "actividades demostrativas" no recinto. A estas dúas opcións súmase a posibilidade de participar no Pont-Up Express, un evento no que as persoas responsables dos dez proxectos seleccionados disporán de cinco minutos para expor as súas ideas de negocio ante un xurado integrado por Rosa María Seoane, xerente e Abanca Innova; Xoán Martínez, CEO de Kaleido e presidente do Clúster da Fundación Loxística de Galicia; Eva López Barrio, coordinadora do proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres da USC, e Iago González, director comercial de Disgobe.

Pode participar calquera proxecto de emprendemento "innovador e creativo" que entrara en funcionamento nos últimos tres anos e medio, así como aqueles que se atopen nunha "fase moi avanzada de desenvolvemento de produtos ou servizos e teñan expectativas reais de lanzamento a curto prazo", explicou a organización.

"Pontevedra vaise converter unha vez máis na capital do emprendemento", salientou Reigosa. Trátase dun encontro que está a contribuír á "idea de que economía galega ten que sustentarse no traballo de emprendedores que crean empresas que traen riqueza ao país". Fernández Lores, pola súa banda, destacou o Pont-Up Store como "o principal evento de fomento da innovación e do emprendemento do noroeste peninsular", mentres que Blanco destacou o "espazo importantísimo" que este encontro dedica "ao emprendemento feminino" e Agís sinalou que é un evento que contribúe "a ter un tecido empresarial competitivo".

Figueroa destacou o apoio de entidades públicas e privadas a esta iniciativa, "nun momento especialmente importante e delicado" para todas aquelas persoas "que durante a pandemia se animaron a crear un negocio ou que están iniciándoo nestes momentos". Así mesmo, incorporarase a Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que busca reunir aos preto de 300 proxectos de emprendemento que participaron nas edicións anteriores, que na súa meirande parte continúan activos.